AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

DO 30 DE OUTUBRO AO 3 DE NOVEMBRO NO SALÓN TEATRO

PT Excéntricas chega á sede do CDG con 'Cartoóns', o seu primeiro espectáculo para público familiar

[28/10/2019] Producións Teatrais Excéntricas chega esta semana ao Salón Teatro de Santiago para ofrecer cinco días de representacións do seu espectáculo Cartoóns, que supón a primeira incursión da compañía no teatro para público infantil e familiar. Trátase dunha coprodución con Teatro de Adro, que se insire ademais no catálogo de propostas co que Excéntricas está a conmemorar o décimo quinto aniversario da súa creación.

Cartoons

A sede do Centro Dramático Galego (CDG) será o escenario de seis representacións desta montaxe, dúas delas concertadas con centros escolares o mércores 30 e o xoves 31, ás 11,00 h. Pola súa banda, as funcións xerais terán lugar de xoves a sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h. Así mesmo, tras o pase do xoves organizarase un encontro co público durante o que os espectadores terán a oportunidade de coñecer máis sobre o espectáculo e o seu proceso de creación da man do seu equipo.

Víctor Mosqueira dirixe esta comedia, que el mesmo interpreta xunto a Josito Porto. Nela, danlles vida a dous clowns que viven fóra do sistema, rodeados de cartóns. Mais para eles, o que a sociedade considera lixo é unha materia prima moi valiosa para facer todo tipo construcións e aparellos.

A escenografía é de Marcelino de Santiago Kukas, a iluminación de Pepe Quintela e a produción de Rubén G. Pedrero, mentres que Quico Cadaval colaborou neste espectáculo prestando apoio á dirección.

A venda de entradas xa está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu importe é de 10 euros, cos descontos habituais, de xoves a sábado, e de 5 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador no Salón Teatro.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal