AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

Hoxe desenvolveuse a sesión ‘Monetiza a túa música’, no marco do V Ciclo de Xornadas das Industrias Musicais organizado pola Xunta e a Fundación Paideia

Profesionais da música analizan no Salón Teatro a rendibilidade da distribución nas plataformas dixitais

[13/03/2021] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolleu hoxe a primeira das sesións do V Ciclo de Xornadas das Industrias Musicais, organizado pola Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza. Baixo o título 'Monetiza a túa música en liña', expertos na materia abordaron as vías para rendibilizar a distribución musical a través das plataformas dixitais.

Apertura da xornada

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na apertura do encontro, onde salientou a continuidade deste foro e a súa utilidade para avanzar no encontro e desenvolvemento do sector, máis aínda tendo en conta o novo contexto xurdido coa pandemia sanitaria e as dificultades para o consumo da música en vivo. "Temos que mirar inevitablemente ás posibilidades de retorno económico que nos ofrecen outros xeitos de consumir música máis alá da experiencia dos directos", dixo.

Tamén se referiu a que nos últimos meses a Xunta de Galicia destinou todos os recursos para poñer en marcha un plan urxente de reactivación cultural, con programas de dinamización en novos formatos musicais, como foron por exemplo Galicia Emerxe ou as gravación de Directos Xacobeo en Salas. "Pero como profesionais, estamos obrigados a explorar outros eidos de explotación e de beneficio económico que indefectiblemente teñen que pasar pola mirada cara ao entorno dixital", engadiu.

Persoas expertas na contorna dixital da música
O coloquio correu a cargo de Ana Biedma, A&R Label Manager en Altafonte, onde acompaña a selos, managers e artistas para mellorar o posicionamento en liña dos seus lanzamentos, ademais de asesoralos para sacarlles o máximo rendemento a todas as ferramentas dixitais. Licenciada en Xornalismo e Máster en Industria Musical y Estudios Sonoros, traballou en empresas do sector musical como Green UFOs, Ticketea ou Universal Music Spain.

Xunto a ela interveu Saúl Cabrera, consultor e formador de estratexia empresarial especializado en internacionalización e desenvolvemento de negocio que suma case unha década na industria musical coordinando o desenvolvemento de mercado de EmuBands para LATAM e España. Especializado no ámbito económico da distribución dixital, combina as súas funcións de dirección co asesoramento a selos discográficos e artistas.

O xornalista e experto en comunicación Luís Fraga moderou a sesión, que se pechou coa actuación da cantante galega Sheila Patricia.

Novas sesións en Santiago e no Grove
O V Ciclo de Xornadas de Industrias Musicais 'Amplificando o directo: novos escenarios na contorna dixital' continúa o 17 de abril, cunha nova sesión no Edificio CINC da Cidade da Cultura. Nela, Karen Saurí, video music producer na axencia audiovisual Canada, e Jesús Guisado, codirector do festival Monkey Week, afondarán no contido audiovisual no éxito musical. O derradeiro encontro será o 8 de maio no Náutico de San Vicente do Gove, coa manager Rosa Lagarrigue e a experta en medios de comunicación e radiofórmula Sandra Rotondo. Ambas analizarán o desenvolvemento do talento no escenario dixital.

Todas as sesións inclúen un showcase dunha banda ou artista emerxente galega e poderán seguirse de xeito presencial, respectando as limitacións de aforo marcadas pola lexislación no momento da súa celebración, e tamén a través de live streaming.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal