AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O AUTOR, SELECCIONADO ENTRE 20 CANDIDATURAS, É DRAMATURGO, NARRADOR ORAL E PROFESOR DE TEATRO E ESCRITA DRAMÁTICA

'Relato para un incendio', de Ernesto Suárez Is, gaña a primeira bolsa de dramaturxia impulsada pola Xunta e o sector teatral

[30/04/2021] O proxecto 'Relato para un incendio' resultou gañador da primeira bolsa de dramaturxia impulsada pola Xunta, a través do Centro Dramático Galego (CDG) e en colaboración co sector teatral. A escrita, obra do dramaturgo Ernesto Suárez Is, foi seleccionada entre un total de 20 candidaturas por unha comisión de valoración presidida polo director do CDG, Fran Núñez, que tivo en conta a fonda conexión da temática coa identidade galega e a aposta polo teatro contemporáneo e documental con base na memoria colectiva, entre outros aspectos.

Ernesto Suárez Is

No proceso de selección participaron representantes do Consello da Cultura Galega, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e dos colectivos máis representativos do sector teatral en Galicia, como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega, Academia Galega de Teatro, Asociación de Festivais de Artes Escénicas, Unión Internacional de Marioneta, Revista Galega de Teatro, Asociación de Profesionais do Circo en Galicia e Asociación Galega de Dramaturxia. Tamén interviñeron da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

'Relato dun incendio' pon en conexión dous acontecementos que tiveron lugar na comarca coruñesa de Ordes en momentos moi diferentes. Por unha banda, os estudos etnográficos dun antropólogo danés na década dos 60 e, por outra, a ruta incendiaria dunha veciña da zona en 2016. Co obxectivo de investigar a loucura como factor alterante nas persoas, influíndo no comportamento ata rachar coa realidade e poñer en perigo vidas, o autor integrará ambos feitos nos mecanismos de ficción teatral. Para isto utilizará persoas, imaxes, relatos e situacións auténticas para artellar unha dramaturxia cos preceptos do denominado Teatro Verbatim, que mestura artes escénicas con documentos e testemuños reais.

Narrador oral e profesor
Titulado superior en dramaturxia pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), Ernesto Suárez Is (Ernesto Is) é tamén narrador oral, profesor de teatro e escrita dramática e membro do consello de redacción da Revista Galega de Teatro Erregueté. Os traballos deste asturiano afincado en Vigo mereceron diversos galardóns, como o Abrente da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, con Fendas, ou o Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña, con Despois das ondas, peza sobre a vida de María Casares que foi levada á escena por ButacaZero.

Apoio á cadea de valor teatral
A bolsa de dramaturxia representa a primeira fase dunha nova iniciativa en Galicia que nace impulsada polo CDG en colaboración con diversos colectivos do sector teatral e cultural para acompañar unha peza desde o seu xerme ata a posta en escena. Búscase así apoiar toda a cadea de valor dun espectáculo teatral a través de cada unha das súas fases, a escrita, a produción e a distribución.

Deste xeito, unha vez estea rematada a dramaturxia seleccionada nesta primeira fase, convocarase unha segunda bolsa, de creación, dirixida a compañías profesionais para a coprodución da escrita e dotada con 12.000 euros. O proxecto seleccionado nesta segunda fase deberá executar o contrato nun prazo máximo de 12 meses desde a adxudicación. Na avaliación teranse en conta aspectos como a memoria de dirección, o interese cultural e artístico ou as estratexias de difusión e promoción, entre outros. Finalmente, organizaranse funcións no Salón Teatro de Santiago de Compostela co obxectivo de que se sumen á súa exhibición outros espazos e festivais colaboradores.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal