AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

PRESÉNTASE NO MARCO DA DESIGNACIÓN DE PORTUGAL COMO PAÍS CONVIDADO DA 44º EDICIÓN DO FESTIVAL INTERNACIONAL DE TEATRO CLÁSICO DA VILA MANCHEGA

O Centro Dramático Galego e a Companhia de Teatro de Braga estrean en Almagro 'A contenda do río Miño'

[03/07/2021] O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, estreou a pasada noite en Almagro 'A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño', en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga. A posta en escena da primeira peza teatral en lingua galega conservada, obra de Gabriel Feixoo de Araúxo, enmárcase no 350º aniversario da escrita e nas designacións de Portugal como país convidado da 44º edición do Festival Internacional de Teatro Clásico da vila manchega e de Braga como Capital Cultural do Eixo Atlántico. Hoxe haberá unha nova función, á que asistirán o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

A contenda do río Miño

O director do CDG, Fran Núñez, co apoio dramatúrxico do responsable da Companhia de Teatro de Braga, Rui Madeira, dirixe o espectáculo, no que se abordan as fronteiras e a loita de clases e polos recursos, temas universais que van máis aló dun momento histórico concreto. Así, coa contenda dos labradores de Caldelas do século XVII de fondo, a peza lémbranos outros conflitos máis recentes, como o que xurdiu entre Canadá e a Unión Europea pola pesca do fletán en 1995.

Un elenco composto por Paulo Bragança, Yeliz Balim, Rogério Boane, Sílvia Brito, Carlos Feio, Eduarda Filipa, Antonio Jorge, Grasiela Müller, Aisa Pérez e Solange Sá dálles vida ás personaxes dos bandos portugués e galego. Como narrador, Fran Núñez guía o público a través desta viaxe pola historia chea de disputas e reivindicacións, pero tamén de complicidades e celebracións.

Na obra teñen especial relevancia a música e o baile, continuamente presentes, coas coreografías de Belén Vázquez e Pilar Peña, do Centro Coreográfico Galego. Os equipos técnicos do Centro Dramático Galego e da Companhia de Teatro de Braga completan a ficha artística nesta unión de esforzos que busca reforzar a identidade común.

A contenda do río Miño chega a Galicia o 10 de xullo, no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que marcará a estrea galega da peza. Previamente, haberá representacións nas vilas portuguesas de Braga, o día 6, e de Barcelos, o día 8.

Dinamización do sector teatral galego
O espectáculo forma parte da programación do CDG para esta temporada, na que a unidade de produción teatral da Xunta presentou tamén outras tres pezas, 'O charco de Ulises' e 'Terceiro acto', xa estreadas e que volverán aos escenarios nesta segunda metade do ano, e 'Serva me, servabo te', prevista para setembro. Diversas coproducións e novas iniciativas como o programa Residencias cruzadas ou a Bolsa de dramaturxia e creación completan a intensa actividade desenvolvida polo Centro Dramático Galego a prol da dinamización do sector teatral nos últimos meses.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal