AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A montaxe volve ao Salón Teatro esta fin de semana con dúas únicas funcións

O Festival de Teatro de Estambul premia como mellor actriz a Olga Cameselle polo seu papel no espectáculo do Centro Dramático Galego 'Serva me, servabo te'

[14/10/2021] A última produción da unidade teatral da Xunta -o Centro Dramático Galego (CDG)- 'Serva me, servabo te', resultou premiada no Festival Internacional de Maltepe, en Estambul, onde se representou o pasado sábado como única peza española presente no evento. O galardón recaeu en Olga Cameselle, como mellor actriz pola súa actuación no espectáculo creado por Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez.

Premio Serva me, servabo te

Ademais da función desenvolvida no Centro Cultural Türkan Saylan, a codirectora e actriz Belén Bouzas impartiu un curso de teatro físico para mulleres sobre o control do movemento. A participación neste festival enmárcase no obxectivo do CDG de facilitar a proxección internacional tanto das artes escénicas de Galicia coma dos profesionais que se dedican a elas.

Despedida no Salón Teatro
Tras a xira que levou a peza a Lugo, Ferrol e Turquía, 'Serva me, servabo te' volve esta fin de semana ao Salón Teatro de Santiago de Compostela, na que será a derradeira oportunidade de vela. Haberá só dúas funcións, o sábado ás 20,00 h. e o domingo, ás 18,00. As entradas xa están á venda en ataquilla.com e poden adquirirse no despacho de billetes o mesmo día das sesións desde dúas horas antes do comezo.

'Serva me, servabo te' (Axúdame, axudareite, en latín) é un espectáculo no que a dramaturxia xorde desde o movemento e o xesto, e coa que o CDG visibiliza o seu apoio ás novas linguaxes escénicas. A peza aborda a liña que separa a violencia do afecto, ademais de reivindicar o corpo como material que iguala sen distincións. Deste xeito, o escenario, no que se fantasía co derrubamento dun edificio de vinte alturas, preséntase como un corpo nu ante a inmensidade.

Belén Bouzas, Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas, Diego M. Buceta, Fran Martínez e Cris Vilariño compoñen o elenco desta nova montaxe. Nela combínase xuventude e experiencia, tanto na interpretación como no equipo artístico.

Así, a creadora escénica AveLina Pérez é a asistente de dirección, e a escenógrafa, vestiarista e iluminadora Carmen Triñanes asume a iluminación e a videocreación, xunto á escenografía de xeito compartido con Laura Iturralde. O vestiario corre a cargo do actor e deseñador Xoel Álvarez e o espazo sonoro, de Xavier Bértolo. Roberta Ferrara e Xandre Vázquez son asistentes de coreografía e de produción, respectivamente.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal