AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

Haberá unha representación ás 20,00 horas no marco da xira iniciada a pasada semana en Tui

A produción do Centro Dramático Galego 'O charco de Ulises' estará o venres no Teatro Principal de Ourense

[10/11/2021] 'O charco de Ulises', a produción do Centro Dramático Galego, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, estará o venres 12 no Teatro Principal de Ourense, cunha única representación ás 20,00 horas. As entradas están xa á venda en ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes o propio día, de 12,00 a 14,00 h., e desde dúas horas antes do inicio da sesión.

O charco de Ulises

A función forma parte da xira que comezou a pasada semana en Tui e que percorrerá ata o 12 de decembro 20 escenarios de Galicia e do norte de Portugal. Tras o seu paso polo Barco de Valdeorras e Celanova, a montaxe dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso chega á capital da provincia e farao o vindeiro mércores a Verín.

'O charco de Ulises' continuará o seu percorrido esta fin de semana con paradas no concello pontevedrés de Cangas e no coruñés de Oleiros, antes de regresar á provincia ourensá o día 17. A representación programada en Verín terá lugar no Auditorio Municipal ás 20,00 horas. As entradas están xa tamén á venda en ataquilla.com.

O clásico de Homero nun contexto galego
O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero. No equipo artístico figuran Pablo Giráldez ‘O Pastor’ no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira.

Novo modelo de distribución
'O charco de Ulises' estreárase o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. A súa posta en escena inauguraba, ademais, unha nova etapa na compañía pública, que pospoñía a distribución dos espectáculos de produción propia para reforzar o papel do CDG como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal