AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O SALÓN TEATRO ACOLLE XA O EQUIPO QUE PORÁ EN ESCENA O ESPECTÁCULO

O Centro Dramático Galego comeza a ensaiar 'A peste' con dirección de Cándido Pazó para a súa estrea en xaneiro

[05/12/2021] O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, comeza no Salón Teatro de Santiago de Compostela os ensaios da nova produción 'A peste', cuxa estrea está prevista para o 20 de xaneiro nese mesmo escenario. O equipo dirixido por Cándido Pazó, quen asina tamén a dramaturxia, iniciou co traballo de mesa a preparación da posta en escena do espectáculo inspirado na novela homónima do autor franco-arxelino Albert Camus, na que aborda de xeito metafórico as grandes pragas causadas polo ser humano.

Ensaios A peste

Evaristo Calvo, César Cambeiro, Nacho Castaño, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda García, Paku Granxa, Luís Iglesia, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Santiago Prego, María Roja, Santiago Romay e Carlos Sante compoñen o elenco que lles dará vida ás personaxes deste clásico.

A peza ofrece unha reflexión sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante situacións de crise. A través do personaxe do doutor Rieux, a historia narra os sucesos na cidade de Orán durante unha praga de peste que a asedia e pon os seus habitantes en corentena. Céntrase nos periplos das persoas encerradas, en como loitan contra a praga e lle buscan un sentido á súa situación, primeiro nunha loita egoísta pola supervivencia, logo a través do esforzo colectivo e comunitario.

En marcha dúas producións para 2022
Co comezo destes ensaios, o CDG ten xa en marcha as dúas producións previstas para 2022, xa que a semana pasada arrincaron os de Ás oito da tarde, cando morren as nais, dirixida por Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez. Neste caso a estrea está programada para o 14 abril.

As dúas novas montaxes enmárcanse na aposta da unidade teatral da Xunta pola dramaturxia galega contemporánea e polos clásicos, en liña coas deste ano, tamén de adaptación dun clásico, con O charco de Ulises, e de dramaturxia galega contemporánea, con Terceiro acto e Serva me, servabo te. O obxectivo é garantir a pluralidade na escena.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal