AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

HABERÁ UNHA FUNCIÓN NO AUDITORIO MUNICIPAL GUSTAVO FREIRE

A xira da produción do Centro Dramático Galego 'O charco de Ulises' chega o xoves a Lugo

[07/12/2021] A produción da unidade teatral da Xunta de Galicia 'O charco de Ulises', dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, está o xoves 9 no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, cunha única representación ás 20,30 h. O espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) volve a Galicia tras viaxar a Montevideo, en Uruguai, e a Bos Aires, en Arxentina, e encara as últimas funcións que o están a levar por 20 escenarios de Galicia e do norte de Portugal ata o 12 de decembro.

O charco de Ulises

As entradas para a sesión do xoves poden adquirirse xa a través da web entradaslugo.es e na Oficina de Turismo ata tres horas antes da función. Estarán tamén á venda no despacho de billetes unha hora e media antes do inicio.

Tras o seu paso por Lugo, haberá representacións nos concellos coruñeses de Arteixo e Narón, o venres e o sábado. O domingo a montaxe regresa á provincia luguesa para poñerlle o peche en Vilalba á xira, iniciada o 5 de novembro. A derradeira función terá lugar no Auditorio Municipal Carmen Estévez Eguiagaray o día 12, ás 18.00 horas. As entradas están á venda na web entradasvilalba.es e no despacho de billetes da Casa da Cultura.

O clásico de Homero nun contexto galego
'O charco de Ulises' sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Santiago Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez, O Pastor, no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na coreografía de tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección, Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira.

Novo modelo de distribución
'O charco de Ulises' estrouse o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. A súa posta en escena inaugurou, ademais, unha nova etapa na compañía da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que modificou a temporalización na distribución dos espectáculos de produción propia para reforzar o papel do CDG como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal