AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A ÚLTIMA REPRESENTACIÓN SERÁ ESTE DOMINGO NO AUDITORIO MUNICIPAL CARMEN ESTÉVEZ ÁS 18,00 HORAS

O Centro Dramático Galego remata en Vilalba a xira de 'O charco de Ulises' despois de ter realizado 36 funcións

[10/12/2021] A produción do Centro Dramático Galego (CDG) 'O charco de Ulises', dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, estará este domingo 12 en Vilalba, cunha única función no Auditorio Municipal Carmen Estévez. Con esta representación péchase a xira que levou o espectáculo a miles de persoas a través do seu percorrido por 20 concellos galegos e do norte de Portugal, así como por outros dous escenarios de Montevideo e Bos Aires.

O charco de Ulises

Remata así o período de distribución de 'O charco de Ulises', despois de ter realizado un total de 36 funcións nunha das máis amplas xiras levadas a cabo polo CDG nos últimos anos, tanto polo número de sesións como pola diversidade dos espazos. Así, a montaxe estivo en case todas as cidades de Galicia e en moitas pequenas e medianas vilas das catro provincias.

O 14 de xaneiro estreábase no Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde se levaron a cabo 13 pases antes de se ter que suspender por mor da pandemia. Tal como estaba previsto no seu novo modelo de difusión, o equipo interpretativo reuniuse de novo para iniciar unha xira que comezou en Tui o pasado 5 de novembro e que pechará na capital da Terra Chá tras pasar polo Barco de Valdeorras, Celanova, Viana do Castelo, Barcelos, Ourense, Cangas, Oleiros, Verín, Monforte de Lemos, Vigo, Pontevedra, Cariño, Rianxo, Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Lugo, Arteixo e Narón.

Proxección dentro e fóra de Galicia
O deseño deste percorrido enmárcase na aposta do CDG pola descentralización da súa actividade, que fai ademais que este ano participe en propostas nun cento de concellos, e polo achegamento das artes escénicas á poboación de todo o territorio.

Refórzase tamén deste xeito a colaboración institucional coas administracións locais e co país veciño, Portugal, outros dos obxectivos primordiais para a unidade teatral da Xunta, así como a proxección internacional, coa primeira viaxe a América dunha produción propia, realizada en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

A posta en escena de 'O charco de Ulises' inauguraba, ademais, unha nova etapa na compañía pública, que pospoñía a distribución dos espectáculos de produción propia para reforzar o papel do CDG como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.

Odisea transatlántica
'O charco de Ulises' sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Santiago Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez ‘O Pastor’ no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira.

As entradas para a derradeira función de 'O charco de Ulises', que terá lugar no Auditorio Carme Estévez ás 18,00 horas, poden adquirirse a través da web entradasvilalba.es e no despacho de billetes da Casa da Cultura.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal