AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

PERMANECERÁ DOUS MESES NO SALÓN TEATRO PARA OFRECER PRETO DE 40 FUNCIÓNS

O CDG estrea a súa primeira produción do ano, 'A peste', unha reflexión sobre o comportamento humano en tempos de crise

[18/01/2022] O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe en Santiago de Compostela a primeira estrea da nova temporada do Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta, prevista para este xoves 20 de xaneiro. Trátase de 'A peste', inspirada na novela homónima de Albert Camus, con dramaturxia e dirección de Cándido Pazó e que conta cun dos maiores elencos dos últimos anos ao sumar 15 intérpretes.

Presentación A peste

A presentación tivo lugar no Salón Teatro, nun acto no que tamén participaron o director do CDG, Fran Núñez, así como unha representación do equipo artístico do espectáculo, ademais de contar coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

Na súa intervención, o conselleiro salientou o labor desenvolvido polo CDG como "motor da escena galega, apostando sempre pola vocación de servizo público e de compromiso co sector". Así, avanzou as previsións da actividade para o primeiro semestre de 2022, no que tamén se levará a escena o texto de AveLina Pérez 'Ás oito da tarde, cando morren as nais', baixo a dirección de Marta Pazos. A compañía pública seguirá exercendo como "dinamizador do emprego cultural, xa que só nas dúas producións propias se investirán preto de 600.000 euros e se contratarán 38 profesionais", engadiu.

Xunto aos seus espectáculos, nos que ao igual que na pasada temporada volve apostar pola combinación dun clásico con dramaturxia galega contemporánea, o CDG ten xa programadas seis coproducións ata xuño. As pezas verán a luz en diferentes concellos galegos, como A Coruña, Vigo ou O Barco de Valdeorras, "dinamizando a actividade escénica e a creación de público en todo o territorio", apuntou o titular de Cultura. Entre os proxectos en coprodución está a montaxe 'Continente María', que se levará a cabo xunto coa compañía Ainé para estrear no vindeiro mes de maio no marco de accións conmemorativas do centenario da actriz coruñesa María Casares.

Balance de 2021
Román Rodríguez tamén se referiu aos principais fitos acadados pola compañía pública no pasado 2021, tales como a primeira viaxe dunha produción propia a América, o impulso á bolsa de dramaturxia e creación en colaboración co sector, ou a montaxe da primeira obra da literatura dramática galega 'A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño'.

En todo o ano, o CDG participou de xeito directo en 400 funcións en Galicia, no norte de Portugal, Turquía, Arxentina, Uruguai e outras Comunidades Autónomas de España, ademais de asistir ao Festival de Almagro (Ciudad Real) e impulsar numerosos proxectos de colaboración con outras entidades públicas e privadas.

Concibida en exclusiva para o Salón Teatro
Tal e como sinalou Román Rodríguez, a montaxe presentada hoxe foi concibida de xeito específico e exclusivo para a súa posta en escena no Salón Teatro, onde permanecerá durante dous meses, ata o 13 de marzo, con case 40 funcións. Deste xeito, o CDG quere impulsar este espazo de exhibición escénica da Xunta como referente cultural para a cidadanía de toda Galicia. Nesta liña, estanse a contratar autobuses para concertar a asistencia de público de máis dunha ducia de concellos, entre os que están xa Rianxo ou Vilagarcía de Arousa. As funcións, de dúas horas e media de duración cun descanso de dez minutos na metade, terán lugar de mércores a domingo.

Sobre as táboas poderanse ver rostros de ampla traxectoria, como Nacho Castaño, quen asume o papel protagonista, Evaristo Calvo, César Cambeiro, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda G. Alfaro, Paku Granxa, Luís Iglesia B., Miquel Ínsua, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, María Roja, Santi Romay e Carlos Sante. Xunto a eles, fan posible o espectáculo Dani Trillo na escenografía, Martina Cambeiro no vestiario e maquillaxe, Afonso Castro na iluminación, Guillerme Fernández no espazo sonoro, Belén Pichel na asistencia de dirección, e Keka Losada na asistencia de produción.

A peza ofrece unha reflexión sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante situacións de crise. A través do personaxe do doutor Rieux, a historia narra os sucesos na cidade de Orán durante unha praga de peste que a asedia e pon os seus habitantes en corentena. Céntrase nos periplos das persoas encerradas, en como loitan contra a praga e lle buscan un sentido á súa situación, primeiro nunha loita egoísta pola supervivencia, logo a través do esforzo colectivo e comunitario.

Sesións descontraídas e inclusiva
Como vén sendo habitual, todas as semanas haberá funcións descontraídas, con luz acendida e portas abertas para facilitarlles a asistencia ao teatro ás persoas con diversidade funcional e con dificultades para permanecer sentadas moito tempo ou con pouca tolerancia á escuridade e aos ruídos. Asemade, a derradeira representación, o 13 de marzo, contará con interpretación en lingua de signos, audiodescrición e programa de lectura fácil.

As entradas están xa á venda na web ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro dúas horas antes de cada sesión, que serán ás 18,00 horas os mércores e domingos e ás 20,00 horas de xoves a sábado. O prezo é de 10 euros, con descontos de ata o 40% para diversos colectivos, así como os mércores na sesión descontraída e os domingos, Día do espectador.

Improvisacións arredor de ‘A peste’
Como novidade, o conselleiro avanzou tamén unha nova iniciativa impulsada polo CDG para a promoción do seu primeiro espectáculo do ano. Trátase de 'Improversións', un programa de improvisacións arredor de A peste que terá lugar no Salón Teatro todos os luns do 24 de xaneiro ao 7 de marzo, ás 20,00 h.

A través del, Antía Costas, Marta Doviro, Arturo Cobas, Pablo Navas, Antón Coucheiro e Cayetano Lledó ofrecerán pezas teatrais improvisadas a partir da temática e da atmosfera da montaxe do CDG. O proxecto está dirixido por Antón Coucheiro e conta con Alfonso Medina na dirección escénica e con Aitor Garuz como técnico de luz e son. As entradas para asistir a Improversións poderanse adquirir tamén a través de ataquilla.com ou no propio Salón Teatro.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal