AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

AS PERSOAS CON DISCAPACIDADE VISUAL OU AUDITIVA XA PODEN BENEFICIARSE DA MEDIDA NAS SESIÓNS DE 'A PESTE'

O Centro Dramático Galego estrea un pioneiro sistema inclusivo en todas as funcións do Salón Teatro

[24/02/2022] O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, vén de poñer en marcha no Salón Teatro de Santiago de Compostela un sistema pioneiro de teatro inclusivo que permite dispoñer en todas as funcións de interpretación en lingua de signos, subtítulos e audiodescrición. Trátase dunha aplicación específica que funciona co programa de son Qlab e permite ir axustando en directo estes servizos, ata o de agora só dispoñibles en sesións puntuais.

Teatro inclusivo

Deste xeito, as persoas con discapacidade visual ou auditiva poden asistir a calquera representación no Salón Teatro e terán á súa disposición audiodescrición a través de receptores individuais proporcionados polo Centro Dramático Galego, interpretación en lingua de signos proxectada sobre as columnas situadas a ambos lados do escenario e subtítulos que poden descargar nos seus dispositivos móbiles. O espazo de exhibición escénica da Xunta sitúase así á vangarda da inclusión, converténdose no único que ofrece sesións 100% adaptadas.

O sistema foi deseñado polo técnico do Centro Dramático Galego Guillerme Vázquez, recoñecido co galardón ao proxecto coa temática máis innovadora dos III Premios empregados públicos innovadores da Axencia Galega de Innovación. Con el buscouse superar as dificultades derivadas do carácter único e efémero das representacións teatrais para a sincronización entre materiais gravados e o directo escénico.

En funcionamento con ‘A peste’
A medida está xa en funcionamento nas representacións de 'A peste', a montaxe inspirada na obra de Albert Camus que está en cartel no Salón Teatro ata o 13 de marzo. Hai cinco sesións semanais, de mércores a domingo, e as entradas poden adquirirse a través da web www.ataquilla.com e no despacho de billetes desde dúas horas antes do inicio.

O sistema de teatro inclusivo enmárcase na aposta do Centro Dramático Galego polo achegamento do teatro a toda a cidadanía. Nesta mesma liña, todos os mércores se ofrecen sesións descontraídas, con condicións de son e luz especiais para persoas con pouca tolerancia a espazos pechados, aos ruídos ou á escuridade. Ademais, ata o de agora víñase culminando a programación das producións propias cunha sesión inclusiva, con audiodescrición e interpretación de signos, o que xa non será preciso co novo sistema.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal