AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

HABERÁ FUNCIÓNS NO TEATRO PRINCIPAL OS DÍAS 4 E 5 ÁS 20,30 HORAS

Condetrespés e o Centro Dramático Galego estrean 'Rastros' en Santiago no marco da programación da Xunta na Rede Galega de Teatros e Auditorios

[03/03/2022] O Centro Dramático Galego (CDG) estrea mañá venres no Teatro Principal de Santiago de Compostela a coprodución 'Rastros', da compañía Condetrespés, no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios impulsada pola Xunta en colaboración co Concello. Segundo se informou hoxe nunha rolda de prensa na que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, haberá funcións os días 4 e 5 ás 20,30 horas e a primeira delas incluirá un encontro ao remate. As entradas poden adquirirse de xeito anticipado no Punto de Información Cultural do concello Zona C, situado na Praza de Cervantes, e no mesmo día do espectáculo no propio teatro, desde unha hora antes do inicio.

Presentación Rastros

A montaxe leva a escena a peza orixinal de Roberto Vidal Bolaño -coincidindo cos 20 anos do seu pasamento- con adaptación e dirección de Lois Blanco. Nela, o intento de suicidio dunha muller convoca durante o tempo no que permanece ingresada na UVI á espera dun desenlace incerto os tres homes cos que compartiu os seus sentimentos, soños e ilusións. Ao longo desa tensa espera, reflexionan arredor das grandezas e das miserias da súa vida en común, relembran o que foi a súa existencia e as razóns que levaron a cadaquén a ser o que é e a estar onde está.

Antea Rodríguez, Muriel Pernas, Pablo Carrera e Mateo Franco compoñen o elenco da nova coprodución do CDG. Completan o equipo artístico Diego Valeiras, responsable da escenografía e do vestiario, e Dani Juncal, do deseño de son e de iluminación.

Seis coproducións ata xuño
A estrea de mañá forma parte do plano das seis coproducións previstas pola unidade teatral da Xunta ata xuño. Este arrincou en xaneiro con 'Come and go', de Helena Salgueiro, na Coruña, e continúa con 'Rastros' e a estrea, tamén mañá, de 'O péndulo', de Inversa Teatro, cuxa presentación terá lugar no Auditorio Municipal de Vigo.

A maiores, neste mesmo mes verán a luz dous novos volumes de Clásicas desfeitas, en coprodución coa Cidade da Cultura e a cargo das compañías Galeatro e Moving Compass. Xa en maio chegarán Continente María, con Ainé Producións, á Coruña, e Asemblea xeral, con Sarabela Teatro, ao Barco de Valdeorras.

Na súa intervención, o director do Centro Dramático Galego destacou o obxectivo da unidade teatral da Xunta de dinamizar a actividade escénica e a creación de público en todo o territorio, así como de reforzar a colaboración pública e privada no eido teatral.

Referiuse tamén á montaxe e distribución das súas producións propias, en paralelo coas coproducións, como é o caso de A peste, o espectáculo inspirado na novela homónima de Albert Camus que dirixiu Cándido Pazó e que se está a representar no Salón Teatro de Santiago de Compostela ata o 13 de marzo. Nesta liña, xa en abril, o Centro Dramático Galego estreará Ás oito da tarde, cando morren as nais, con texto de AveLina Pérez e dirección e dramaturxia de Marta Pazos.

Programación en Compostela
Rastros forma parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Teatro Principal, que suma 12 actuacións escénicas, 11 delas teatrais e unha de danza. O cartel incluíu outra das coproducións do CDG, 'Os nenos da varíola', de Pérez & Fernández, que se ofreceu o pasado mes. A compañía de danza Fran Sieira pecha o 20 de maio o primeiro semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Compostela, co espectáculo 'DeMente'.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal