AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

NO MARCO DO CICLO 'CLÁSICAS DESFEITAS' COPRODUCIDO POLA CIDADE DA CULTURA E O CENTRO DRAMÁTICO GALEGO

A Xunta leva á Cidade da Cultura a estrea de 'Arte sen guión' unha comedia de especulación sobre como sería o teatro na Galicia medieval

[18/03/2022] O ciclo 'Clásicas desfeitas', coproducido pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego, unidade teatral da Xunta, arrinca mañá sábado 19 de marzo coa estrea de Arte sen guión, unha comedia que intenta responder desde a creación contemporánea a un misterio por resolver: existiu o teatro en galego na Idade Media? A compañía Galeatro válese das técnicas da improvisación e da musica para construír unha peza cargada de humor na que o antigo e o moderno batallan e dialogan entre si.

Clasicas desfeitas4

A obra, primeira produción de Galeatro dirixida ao público adulto, forma o volume catro de 'Clásicas desfeitas', iniciativa posta en marcha pola Xunta que aposta por crear espectáculos anovadores e actuais a partir de textos clásicos da literatura no marco do programa de Residencias Artísticas do Gaiás.

Arte sen guión terá dúas representacións esta fin de semana, o sábado 19 ás 18,00 horas e o domingo 20 de marzo ás 12,00 horas, e empregará como táboas os espazos naturais e arquitectónicos da Cidade da Cultura. As entradas poden adquirirse en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.

Unha viaxe no tempo en clave de humor
Na súa proposta, Galeatro investiga as cantigas e textos da literatura galega previos ao Rexurdimento, así como as estruturas da dramática clásica, para facer viaxar ao público ata unha posible función de teatro galego medieval, un xénero sobre o que crítica e academia discuten aínda hoxe, ao non conservarse rexistros escritos da súa existencia.

O actor e creador Miguel Canalejo, coñecido polos seus papeis nas series 'Método criminal', 'Cuéntame cómo pasó' ou 'Serramoura', dirixe e actúa nesta divertida peza na que a improvisación marca o ritmo, facendo de cada función un espectáculo diferente. Canda el estarán tamén no escenario Cris Iglesias —'Fariña', 'Eroski Paraíso'—, e os fundadores de Galeatro, Alba Bermúdez e Tone Martínez. O músico Nacho Martín, integrante do trío coruñés True Mountains e compositor con experiencia en espectáculos teatrais, é o responsable do espazo sonoro, mentres a deseñadora arxentina afincada en Galicia Anahí Taraburelli creou o colorido vestiario da peza.

'Clásicas desfeitas' continúa os días 25 e 26 de marzo co volume cinco do ciclo, 'A barca do inferno', un innovador espectáculo de teatro na auga creado por Moving Compass que empregará como escenario a lagoa do Xardín Literario do Gaiás. A peza inspírase no 'Auto da barca' do portugués Gil Vicente para trasladar os temas morais do clásico renacentista ás preocupacións contemporáneas pola preservación dos recursos naturais e da paisaxe.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal