AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

MAÑÁ PUBLÍCASE A CONVOCATORIA PARA A CONTRATACIÓN DE 18 ACTORES E ACTRICES

O Centro Dramático Galego pon en marcha tres producións para a nova temporada coa selección dos intérpretes

[19/05/2022] A Xunta de Galicia pon en marcha tres novas producións do Centro Dramático Galego (CDG) para a temporada 2022-2023, coa publicación mañá no Diario Oficial de Galicia da convocatoria para a contratación de 18 intérpretes. Os títulos provisionais das estreas son 'Recortes, caneos e outras formas de driblar', con Tito Asorey como director; 'Shakespeare en Roma', con catro equipos de dirección, e 'Un hotel de primeira sobre o río', que leva a escena o texto de Xohana Torres codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres.

Temporada 2022/23

Con estes espectáculos, que representan un investimento superior aos 600.000 euros, a unidade teatral da Xunta mantén a súa aposta pola pluralidade de estilos e formatos. A previsión é realizar 110 funcións en total, cun modelo de distribución diferente para cada montaxe, cos obxectivos de chegar á maior cantidade de público posible e de crear novas audiencias.

A primeira das estreas, 'Recortes, caneos e outras formas de driblar', prevista para o segundo semestre deste ano, achégase ao deporte de elite cun espectáculo creado a partir da investigación de Nacho Carretero sobre o fútbol. Trátase dunha obra de carácter xornalístico-documental con adaptación e dramaturxia de Xosé L. Prieto. A través dela proponse unha reflexión arredor do deporte de elite con diferentes historias que exceden o xogo futbolístico. Para esta peza o Centro Dramático Galego contratará tres intérpretes.

O lado invisible do poder a través de Shakespeare
'Shakespeare en Roma' nace a partir das obras 'Coroliano', 'Xulio César', 'Antonio e Cleopatra' e 'Tito Andrónico', de William Shakespeare, e busca achegarse ao lado invisible do poder. A montaxe condensa as catro pezas, con cadansúas direccións e dramaturxias, como unha oportunidade para xuntar tres momentos da historia, o presente, o período Isabelino e a Roma clásica, a través da guerra, a violencia e a loita polo poder.

Así, a dirección de 'Coroliano' asumiraa Rui Madeira, con dramaturxia de Vladimir Snegurchenko; a de 'Xulio César', María Barcala e Xulio Lago, con dramaturxia de Ana Carreira; a de 'Antonio e Cleopatra', Sara Rey, con dramaturxia de Ana Abad de Larriva, e a de 'Tito Andrónico', Quico Cadaval, con Lorena Conde como dramaturga. O elenco estará formado por oito artistas.

Pola súa banda, 'Un hotel sobre o río', con sete actores e actrices, é unha aposta da unidade teatral da Xunta por un clásico da literatura dramática galega, escrito por unha figura transcendental como é Xohana Torres e que foi recoñecido co Premio Castelao en 1968. Desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico que pretende converter o espazo nun hotel con área recreativa.

Elencos versátiles e transdisciplinares
Con carácter xeral, os roles dos proxectos responden á lóxica de creación coral a partir dos respectivos textos, e serán definidos a partir da compensación de perfís entre as candidaturas recibidas. Primaranse intérpretes con probada versatilidade e valoraranse as traxectorias e características dos espectáculos representados. Seleccionaranse tamén algúns perfís transdiciplinares, con coñecementos en música, a danza, o audiovisual ou as artes plásticas.

O proceso de selección constará dunha primeira fase de valoración dos perfís profesionais e, para quen supere esta, doutra de interpretación. As persoas interesadas en optar a estes contratos e cumpran os requisitos establecidos poderán solicitalo presentando o formulario que poderá descargarse na web da Axencia Galega das Industrias Culturais no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao anuncio da convocatoria.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal