AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

MAÑÁ PRESÉNTASE A 'ANTOLOXÍA DE TEATRO GALEGO CONTEMPORÁNEO'

Volven as 'Quintas do Camões' ao Salón Teatro para poñer o foco nas raíces comúns do galego e o portugués

[24/10/2022] O Salón Teatro será por segundo ano consecutivo o escenario do ciclo Quintas do Camões, que dá comezo mañá baixo a organización compartida entre o Centro Dramático Galego e o Centro Cultural Portugués do Instituto Camões en Vigo. O programa deste ano volve poñer o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, ademais de incidir no papel do teatro como espazo para o encontro cultural.

Nuno Cardoso en Achadiço

As Quintas do Camões arrancan mañá mesmo, ás 20,00 h., coa presentación da Antoloxía do teatro galego contemporáneo, escolma en dous volumes e edición bilingüe publicada pola Cena Lusófona, asociación portuguesa para o intercambio teatral no ámbito lusófono. António Augusto Barros, director da colección na que se insire este título, contou co asesoramento de Ánxeles Cuña Bóveda, Dolores Vilavedra e Inma López Silva para esta recompilación a modo de percorrido pola escrita dramática galega desde os anos setenta do pasado século ata a actualidade.

Doce títulos
Para o primeiro dos volumes, seleccionáronse as pezas Un hotel de primeira sobre o río, de Xohana Torres, que subirá por primeira vez á escena profesional en 2023 da man do Centro Drámático Galego; O aniversario. Cerimonia de laios e saloucos, de Euloxio R. Ruibal; Días sen gloria, de Roberto Vidal Bolaño; Cando chega decembro, de Manuel Lourenzo; As certezas de Ofelia, de Luisa Villalta; Lugar, de Raúl Dans, e Footing, de Gustavo Pernas Cora, ademais do ensaio introdutorio Historia dun futuro, por Dolores Vilavedra.

O segundo dos volumes xunta as obras As do peixe, de Cándido Pazó; Judite, de Marcos Abalde Covelo; Voaxa e Carmín, de Esther F. Carrodeguas; Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, e Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez. Esta última, editada previamente pola Xunta e Xerais como gañadora en 2018 do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, foi levada a escena a pasada primavera polo Centro Dramático Galego con dramaturxia de Marta Pazos.

Dúas funcións de Nuno Cardoso
Tamén esta semana, o Salón Teatro recibirá a Nuno Cardoso, director artístico do Teatro Nacional São João, no Porto, co monólogo Achadiço, que el mesmo escribiu, dirixiu e interpreta. Recoñecido como un dos máis destacados directores teatrais da escena portuguesa actual, Cardoso representará o mércores 26 e o xoves 27, ás 20,00 h., unha montaxe que toma o seu nome dun modismo de Canas de Senhorim, freguesía da que é orixinario. Achadiço refírese ao que non encaixa, substantivo que o creador se aplica a si mesmo e a este espectáculo, construído sobre un espazo-tempo improvisado que tampouco encontra unha clasificación ao uso e que nos introduce nun labirinto de referencias a partir da memoria propia e da compartida.

Xa en decembro, as Quintas do Camões presentarán en Santiago Calígula, una produción da Companhia de Teatro de Braga a partir da obra de Albert Camus con dirección escénica do galego Manuel Guede Oliva. A proposta, que subirá ao escenario do Salón Teatro o 1 de decembro, ás 20,00 h., deixa constancia dos paralelismos deste texto de 1944 coa actualidade.

As entradas para Achadiço están xa á venda na web www.ataquilla.com, onde proximamente poderán adquirise tamén as de Calígula, en ambos casos a un prezo especial de 3 euros para o alumnado das escolas de idiomas e para grupos escolares. Tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo das funcións.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal