AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O PROXECTO ‘PHONE’ CONTA COA PARTICIPACIÓN DE VARIOS DEPARTAMENTOS DA CONSELLERÍA DE CULTURA CO PROTAGONISMO DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO

Galicia lidera xunto a nove socios internacionais un ambicioso proxectos para promover a diversidade cultural e lingüística de Europa a través do teatro

[19/12/2022] O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez, presentaron esta mañá Phone, o proxecto que o Goberno galego lidera xunto a nove socios internacionais co obxectivo de contribuír á salvagarda da diversidade cultural e lingüística en Europa conectando as persoas a través do teatro.

Presentación proxecto Phone

O proxecto, no que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades participa de xeito transversal a través dos seus departamentos de Política Lingüística, Cultura e Industrias Culturais, con especial protagonismo do CDG, supón a primeira gran colaboración internacional de teatros públicos e privados traballando polas linguas minorizadas e, cun horizonte en 2024, prevé obter como resultado máis de 170 accións culturais vencelladas ao mundo teatral.

Neste sentido, o responsable de Política Lingüística destacou "a importancia de programas como este en que a lingua galega se internacionaliza en espazos europeos onde hai sensibilidades por linguas coma a nosa". Ademais, "é clave contar cun centro teatral de referencia que nos permite proxectarnos e intercambiar coñecemento con tan prestixiosas entidades", engadiu Valentín García.

Proxección exterior do teatro galego
Pola súa banda, Fran Núñez incidiu na "importancia da lingua como eixo vertebrador da nosa cultura" e no papel do Centro Dramático Galego "como unha ferramenta fundamental ao servizo da internacionalización do noso teatro".

No acto de presentación, que acolleu o espazo da escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego como símbolo do ‘babel de linguas’, tamén participaron a presidenta do dito museo, Concha Losada; a representante da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), Chelo Pampillón; e algúns dos artistas que interveñen activamente no proxecto como Tamara Canosa ou Rafael Rey. Ademais, a xornada estivo amenizada pola actuación do músico Xosé Lois Romero.

Con esta colaboración internacional, enmarcada na estratexia da Xunta por promover a cultura e lingua galegas no exterior, preténdense crear máis de 170 accións culturais de distinta índole tales como 16 producións teatrais, 16 co-producións de lecturas dramatizadas con elenco bilingüe, oito festivais e eventos internacionais, unha coprodución multilingüe baseada no traballo dos oito grupos comunitarios, oito residencias de creación dramatúrxica, 60 podcast a partir dos obradoiros de escrita nos grupos de teatro comunitarios, 70 vodcast realizados polos participantes no proxecto e unha publicación que recolla metodoloxías e boas prácticas para a difusión mediante o teatro de linguas minorizadas como base para crear unha rede de teatros.

Idiomas implicados
Para sacar adiante o proxecto Phone, o Goberno galego traballa man a man xunto a nove socios internacionais. Dunha banda, as compañías teatrais Fryske Toaniel Stifting Tryater (Países Baixos), Deutsch-Sorbisches Volkstheater Bautzen (Alemaña), Teatrul Evreiesc de Stat (Rumanía), Stadttheater (Italia), Fibin Teo (Irlanda), Teatr piba (Bretaña / Francia) e Itu teatteriforeeninki (Noruega). Ademais, tamén participan as institucións académicas Universität Leipzig (Alemaña), que conta cun departamento de estudos sobre minorías lingüísticas na sociedade, e a Stichting Hanzehogeschool Groningen (Países Baixos). Deste xeito estarán representados xunto co galego o frisón, o alto e o baixo sorobio, o yiddish, o ladino, o gaélico, o bretón e o kven.

O proxecto, que xa está en fase de desenvolvemento tras arrancar o pasado mes de xuño, prevé de cara a este 2023 un encontro interxeracional en Irlanda para abordar o proceso de creación de teatro comunitario, un encontro de profesionais sobre as linguas en Alemaña e, finalmente, un encontro dos equipos de dirección que acollerá Galicia.

Xa para o 2024, Italia será sede dun encontro de grupos amadores e, co gallo do 40 aniversario do Centro Dramático Galego, a Xunta traballa nunha acción especial en Santiago de Compostela no marco deste proxecto.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal