AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

'BAILAR NO CEO', DE ANA ABAD DE LARRIVA SERÁ OBXECTO DUNHA LECTURA DRAMATIZADA O MARTES 10

Aberta a convocatoria para a coprodución dun espectáculo a partir do texto da segunda Bolsa de Dramaturxia e Creación

[06/01/2023] A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha a segunda fase da Bolsa de Dramaturxia e Creación 2022-2023 coa convocatoria do proceso de selección de proxectos para a coprodución dun espectáculo teatral a partir de Bailar no ceo, de Ana Abad de Larriva, cunha achega económica de 15.000 euros. A autora elaborou o texto como gañadora da primeira fase desta iniciativa, impulsada por segundo ano consecutivo polo Centro Dramático Galego en colaboración con diferentes colectivos do sector cultural galego co fin de ofrecer un acompañamento integral a unha peza teatral, desde a propia escrita ata a súa produción e distribución.

Bailar no ceo

Segundo a convocatoria publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, as compañías e os profesionais con sede en Galicia interesados en levar a escena esta obra teñen de prazo ata o vindeiro 22 de xaneiro para presentar os seus proxectos a través da sede electrónica da Xunta. Unha comisión de valoración será a encargada de decidir que proposta será coproducida pola compañía institucional, para o que valorarán aspectos relacionados coa proposta de dirección, o interese cultural e artístico, as estratexias de difusión e promoción, a repercusión na creación e fomento de públicos e o apoio doutras estruturas culturais na coprodución e financiamento do espectáculo.

En relación con este proceso, o Centro Dramático Galego e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia ofrecerán o vindeiro martes 10, ás 20,00 h., no Salón Teatro de Santiago unha lectura dramatizada de Bailar no ceo por María Roja, Roberto Leal e Cora Velasco, baixo a dirección artística de Gena Baamonde. A sesión, de balde e aberta ao público xeral, está especialmente pensada para un primeiro achegamento ao texto das persoas e compañías interesadas en levalo a escena.

Bailar no ceo aborda unha temática atractiva e innovadora que permite a recuperación de figuras históricas en relación co noso tempo presente e potencia a lembranza de mulleres pioneiras en distintos campos. A proposta de Ana Abad de Larriva, elixida entre unha decena de candidaturas, destaca tamén pola súa apertura ao emprego de múltiples técnicas e linguaxes escénicas destinadas a enriquecer a montaxe.

Dúas funcións de ‘Relato para un incendio’
Tamén a vindeira semana, o Salón Teatro recibirá a coprodución resultante da primeira edición da Bolsa de Dramaturxia e Creación, que poderá verse o venres 13 e o sábado 14, ás 20,00 h. Trátase de Relato para un incendio, da compañía aAntena a partir do texto elaborado por Ernesto Is no marco desta iniciativa.

O espectáculo, dirixido por Xosé Leis e interpretado por Isabel Risco, Victoria Pérez e Manu Fernández, conecta a modo de teatro documento dous feitos que se produciron nas terras de Ordes. Dunha banda, a investigación sobre a bruxería en Galicia do etnógrafo danés Gustav Henningsen, quen se detivo especialmente nesta comarca coruñesa e, doutra, a ruta incendiaria dunha gandeira da contorna en 2016. Con estes dous fíos, teceuse unha proposta que pon en valor o patrimonio cultural e natural, ao tempo que reflexiona sobre a súa conservación e sobre o significado da figura das meigas en Galicia.

Estreada o pasado verán na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a peza chega a Santiago no seu percorrido por diferentes escenarios galegos, especialmente na Costa da Morte, onde está a ser representada como parte do proposta multidisciplinar da compañía aAntena, que se desenvolve ata febreiro nunha ducia de concellos ao abeiro do programa da Xunta Territorio Cultura.

As entradas para as dúas funcións de Relato para un incendio no Salón Teatro están xa á venda na web entradas.ataquilla.com a un prezo de 10 euros, coa aplicación dos descontos habituais para determinados colectivos.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal