AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

DO VENRES 6 AO DOMINGO 8

O Salón Teatro acolle a estrea de 'Run Baby Run' ao abeiro do programa de coproducións do Centro Dramático Galego

[05/10/2023] O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, acolle mañá venres a estrea absoluta do espectáculo Run Baby Run, coproducido pola compañía da Xunta, o Teatro Español, Meninas Teatro e Proversus. Jana Pacheco dirixe esta obra de Fátima Delgado, que reflexiona sobre a discriminación de xénero no deporte e que poderá verse na capital de Galicia ata o vindeiro domingo como arranque dunha xira por espazos de toda España.

Run Baby Run

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o equipo da montaxe na súa presentación aos medios, que contou tamén coa intervención do director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez. Sutil explicou que este proxecto se desenvolve ao abeiro do amplo programa de coproducións que a compañía pública galega mantén con diferentes entidades privadas e públicas para "posibilitar unha maior capacidade das nosas estruturas teatrais", ademais de contar tamén coa colaboración de Turismo de Galicia.

Ao tempo, enmarcou esta liña de traballo do Centro Dramático Galego no programa xeral de apoio ás compañías profesionais galegas por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que, como sinalou, ten o seu máximo expoñente na convocatoria anual de subvencións á creación escénica, a través da que neste 2023 se está a contribuír á posta en pé de 30 novos espectáculos galegos.

Un mes de funcións en Madrid
O representante da Xunta de Galicia felicitou o equipo de Run Baby Run, con Jana Pacheco e Fátima Delgado á fronte, por unha proposta que terá a súa distribución fóra de Galicia, incluíndo unha estadía na sala Margarita Xirgú do Teatro Español de Madrid do 22 de febreiro ao 24 de marzo do ano que vén. "Ademais, sentímonos especialmente cómplices deste proxecto por formar parte del varias persoas que xa traballaran con nós na produción do Centro Dramático Galego Ás oito da tarde, cando morren as nais, da que gardamos moi bo recordo", sinalou Sutil.

Trátase das actrices Alba Loureiro e Camila Bossa, que interpretan os papeis da atleta e da adestradora, respectivamente, e do deseñador Pier Paolo Álvaro, gañador do Premio Max 2023 ao mellor deseño de vestiario polo devandito espectáculo da compañía pública galega.

O elenco complétase con Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez ecanda eles atópanse tamén Fernando Epelde, responsable da música e do espazo sonoro da peza, o escenógrafo Alessio Meloni, o iluminador Juan Gómez Cornejo ou a coreógrafa Greta García, entre outros profesionais.

A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, cando Alba, unha atleta de éxito que acaba de gañar un mundial, é apartada da competición oficial por un feito inesperado e experimenta como se derruba o seu mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, a deportista verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser.

Peliqueiros en escena
Ademais dos profesionais galegos implicados no proxecto, Galicia atópase presente como un elemento máis do espectáculo a través da súa atmosfera e do Entroido ourensán, que atravesan a obra dun xeito especial. Os peliqueiros, unha sorte de coro grego, ocupan a escena cun vestiario inspirado na indumentaria tradicional a través da ollada de Pier Paolo Álvaro e elaborado pola asociación feminista Las Tejedoras, da localidade madrileña de Vicálvaro.

As entradas para as tres funcións de Run Baby Run, o venres e o sábado ás 20,00 h. e o domingo ás 18,00 h., están xa á venda a través da web entradas.ataquilla.com e poderán adquirirse, así mesmo, no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo das representacións.

Este mesmo mes, o Centro Dramático Galego recibirá tamén na súa sede o equipo de Bailar no ceo, que coproduce coa compañía Xerpo como proxecto gañador da II Bolsa de Dramaturxia e Creación e que poderá verse en Santiago o 29 de outubro.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal