AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

OS ASEOS PÚBLICOS DO EDIFICIO ACOLLEN A PRIMEIRA INTERPRETACIÓN A CARGO DE ERIC JIMÉNEZ

O CDG remata a temporada do Salón Teatro co ciclo "PerformanceST"

[27/06/2007] O Salón Teatro de Santiago de Compostela remata a súa actual temporada de programación coa inclusión na súa carteleira dun ciclo dedicado ás artes performativas. Baixo o título PerformanceST, as compañías Eric Jiménez e Metropolitan Media inician mañá xoves 29 este novedoso ciclo, que se desenvolverá até o sábado 30 coa participación de catro agrupacións artísticas.

Os intérpretes de PerformanceST desenvolverán varias execucións en distintas localizacións do Salón Teatro, ademais do escenario. O programa supón a apertura por vez primeira do espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) a este xénero artístico, mediante a exhibición dunha selección de performances ás que o público pode acceder de balde.

Eric Jiménez será o encargado de abrir esta iniciativa mañá xoves a partir das 19.00 horas nos aseos públicos do Salón Teatro. A performance que interpretará leva por título Danza Chamánica, unha danza de orixe chamán con música e sons actuais. A intervención terá unha duración de cinco minutos e faranse pases continuados para non máis de sete persoas até as 21.30 horas, momento en que se iniciará no escenario do Salón Teatro a seguinte execución: Counterviews.

A proposta de Metropolitan Media Movement é unha observación de certas parcelas dos días que corren por mediación de xente que vive e crea en diversos ámbitos urbanos e artísticos desde diferentes puntos do mundo. A visión homo-metropolitana deste evento toma como punto de referencia e partida a obra New York Counterpoint de Steve Reich, a raíz dun encontro previo entre o clarinetista Xocas Meijide e o pintor Guillermo Aymerich. Foi no ano 2002 onde ambos os dous coinciden nun encontro entre pintura, fotografía e música para a inauguración dunha exposición do pintor. A este punto de encontro inicial súmanse agora a danza ľa cargo da polaca Alexandra Maciejewska- e o vídeo da brasileira Claudia Xanatta. O programador artístico Thanos Polimeas Liondiris completa o equipo deste espectáculo.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal