AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O SALÓN TEATRO DESPIDE A TEMPORADA DE PROGRAMACIÓN

Conclúe o ciclo "PerformanceST" coas intervencións "Máis alá do Vania" e "Vexatio"

[28/06/2007] O Salón Teatro de Santiago acollerá os días 29 e 30 a partir das 20.00 horas dúas series de pases das últimas execucións do ciclo PerformanceST, co que o Centro Dramático Galego (CDG) remata a actual temporada de programación para a súa sede escénica. Despois da xornada inaugural a cargo de sendas propostas achegadas por Eric Jiménez e Metropolitan Media Movement, o programa dedicado ás artes performativas continúa coa participación de Anabel Gago, Dolores Jiménez, Vicente Montonto e Félix Fernández.

Os actores galegos Anabel Gago, Dolores Jiménez e Vicente Montoto iniciarán mañá día 29 a intervención titulada Máis aló do Vania nos cameríns do soto do edificio. Roberto Leal dirixe esta peza que está inspirada na montaxe da compañía Factoría Teatro O tío Vania, de Antón Chéjov (2006). Faranse tres pases de 15 minutos de duración para non máis de 15 persoas até as 21.00 horas.

A continuación, no escenario do Salón Teatro comezará a performance Vexatio, interpretada polo artista Félix Fernández. Este traballo inspírase nas reflexións de Friedrich Nietzsche que no seu libro Así falou Zaratrustra desenvolveu como as tres transformacións do home. Estas tres fases conceptuais convertiranse en tres partes estruturais do espectáculo. Así, o camelo, o león e o neno do texto orixinal funcionarán nesta performance como momentos de sumisión, rebelión e renacemento, respectivamente.

Vexatio (termo latino que significa axitación e tormento) guíase por un único personaxe en escena, acompañado por diversas proxeccións nas que si aparecerán outros personaxes. A música que se escoitará durante o desenvolvemento da acción é orixinal de Rubeck e os deseños propios, confeccionados por Roberto Diz, teñen unha compoñente escultórica fundamental que reforzan o contido mediante as súas transformacións.

O mesmo programa, coas dúas intervencións, repetirase o venres 30. O acceso para o público é de balde.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal