AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O SALÓN TEATRO DE SANTIAGO COLGOU EN DÚAS OCASIÓNS A CARTELEIRA DE ‘NON HAI LOCALIDADES’

Máis de 1.300 persoas teñen asistido ás primeiras funcións do espectáculo 'Noite de Reis. Ou o que queirades'

[11/10/2007] Un total de 1.339 espectadores asistiron até agora en Compostela á nova produción do Centro Dramático Galego (CDG) Noite de Reis. Ou o que queirades, estreada o pasado venres 28. O espectáculo dirixido por Quico Cadaval a partir do texto de William Shakespeare, está a rexistrar un gran éxito de público, tanto nas funcións de público xeral como nos pases matinais aos que acoden alumnos de bacharelato.

Xusto no ecuador do período de exhibición en Santiago, o Salón Teatro, sede escénica do CDG, está a rexistrar un cheo practicamente absoluto nas cinco funcións semanais (de mércores a domingo) que desenvolve. De feito, en dúas delas houbo que colgar a carteleira de ‘Non hai localidades’.

Así mesmo, as funcións programadas para os institutos gozan dun elevado grao de participación, xa que son 1.028 alumnos inscritos, procedentes de 20 centros de ensino de toda Galiza. Monforte, Palas de Rei, Padrón, Silleda, Rois, Santa Comba, Ribeira, Bembibre, Valga, Laracha ou Arzúa son algúns dos concellos con colexios que se sumaron á iniciativa.

Noite de Reis. Ou o que queirades continúa esta fin de semana a súa estadía en Santiago con tres novas escenificacións (o venres 12 e o sábado 13 ás 20.30 horas e o domingo 14 ás 18.00 horas). As entradas están á venda na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén se poden adquirir de xeito anticipado a través do servizo de tele-entrada de Caixa Galicia (no 902 43 44 43 e no sitio www.caixagalicia.es)

A compañía do CDG -que nesta ocasión integran María Bouzas, Rebeca Montero, Xosé Manuel Olveira Pico, Marcos Orsi, Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrín e os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio- seguirá a representar até o 21 de outubro no Salón Teatro esta comedia mediterránea sobre o amor e as tolemias e baballadas que este nos leva a facer.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal