AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A OBRA DE PAULA CARBALLEIRA, GAÑADORA DO I PREMIO MANUEL MARÍA DE LITERATURA DRAMÁTICA INFANTIL, ESCENIFÍCASE O 2 DE NOVEMBRO ÁS 20.00 HORAS

A estrea de 'Boas noites' abre a nova programación do Salón Teatro

[30/10/2007] A estrea do espectáculo Boas Noites, da compañía compostelá Berrobambán, abre a nova carteleira de programación do Salón Teatro de Santiago cunha única función que terá lugar o vindeiro venres 2 de novembro, ás 20.00 horas. O espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) inicia con esta proposta escénica especialmente dirixida a público infantil o seu último período anual de programación, para o que están previstas até finais de decembro un total de 17 funcións, con especial protagonismo do teatro galego.

Presentación de 'Boas noites' no Salón Teatro

Boas Noites, obra orixinal de Paula Carballeira gañadora do I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2006 convocado polo Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), trata o medo na infancia –personificado na figura de Pedro Chosco- como ferramenta fundamental para que os nenos medren mediante o coñecemento e aceptación do mundo que lles rodea.

A montaxe, que conta coa dirección de Jorge Padín, realizou unha residencia técnica no Salón Teatro desde o pasado 29 de outubro e levou a cabo sobre o escenario da estrea o último período de ensaios e a asistencia de todo o equipo da sala. Para a súa representación conta cun elenco de cinco actores e actrices: Paula Carballeira, Manuel Vázquez, Chiqui Pereira, Lorena Conde e Anabell Gago, e coa música interpretada en directo polo trío que compoñen Vadzim Yukhnevich, Begoña Riobó e Pablo Pérez.

Lectura de Botóns de mostra

Despois de Berrobambán, o Salón Teatro acollerá parte da programación do ciclo de cine Cineuropa, que se desenvolverá do 3 ao 18 de novembro, cunha paréntese o xoves 8, día no que se levará a cabo, a partir das 20:30 horas, unha sesión de lecturas dramatizadas reunidas baixo o título Botóns de mostra. Nesta función presentarase diante do público parte do traballo dirixido por Cándido Pazó como resultado da primeira edición do curso Pistas para unha dramaturxia de actualidade, que desenvolveu o Centro de Creación Dramática Contemporánea do CDG na pasada temporada 2006-2007.

A programación do Salón Teatro continuará o sábado 24 e o domingo 25 coa montaxe de Teatro do Atlántico A bombilla máxica, baixo dirección de Xúlio Lago. Os espectadores terán a oportunidade de ver un Woody Allen insólito, desenvolvendo un rexistro absolutamente imprevisible nel, cun texto de moi alta calidade, no que nos mostra os difíciles mundos da adolescencia, da vellez e das relacións de parella.

Xa en decembro, os días 1 e 2 a compañía Ancora Producciós interpretará Medidas preventivas, premio ao Mellor Libro de Teatro 2007 da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ánxela G. Abalo, Vicente de Souza e Xosé Bonome protagonizan esta mirada irónica e crítica, non exenta de humor negro, sobre as novas relacións e os novos comportamentos sociais.

O director brasileiro Enrique Diaz recalará no Salón Teatro os días 15 e 16 para representar Seagull Play (A Gaivota), baseada na obra de Anton Chéjov. A montaxe conta a historia dun escritor incipiente, fillo dunha actriz coñecida, que busca a súa propia identidade a través da súa escrita. A obra presenta a vida baixo a mirada do célebre autor ruso, levando ao escenario o cotiá das persoas que, atormentadas por un ideal superior ás súas forzas, contemplan a propia existencia.

Danza con Paulo Ribeiro

A programación continuará os días 20 e 21 co espectáculo de danza Malgré nous, nous etions là, a cargo da compañía portuguesa de Paulo Ribeiro, nas que serán as únicas funcións en Galiza deste prestixioso colectivo que vén de pasar polo Festival de Outono de París.

Os días 22 e 23 de decembro reporase Kamikaze, a coprodución de Pistacatro co CDG que fora estreada o pasado xuño. Este espectáculo cómico para todos os públicos mestura novo circo, teatro, ilusionismo e música en directo. É unha creación colectiva dirixida por Hernán Gené, que conta con Antón Coucheiro, Natalia Outeiro, Manuel Lago, Pablo Reboleiro, Xabier Mera, Borja Fernández e Alfonso Medina.

A carteleira de 2007 pecharase coa Mostra de Teatro Infantil de Nadal, dentro da que se exhibirán do 26 ao 30 de decembro cinco espectáculos: Kamikaze, de Pistacatro (día 26); Casi Romeo y Julieta, de A Priori Producciones (día 27); a montaxe para bebés Andakibebé, da Cía. Musical Teatral (día 28); Golulá, de Galitoon (día 29); e Ao son das cousas, de Sapristi (día 30) son as propostas que se inclúen na próxima edición desta xa consolidada cita anual do teatro para nenos e nenas.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal