AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

NO TEATRO JOFRE DE FERROL

Conclúe a xira do espectáculo do CDG Illa Reunión

[01/06/2006] O Teatro Jofre de Ferrol acollerá os días 2 e 3 de xuño, ás 20.30 horas, as dúas últimas funcións do espectáculo Illa Reunión, do Centro Dramático Galego (CDG), coas que rematará un período de exhibición de tres meses durante o que esta produción terá sido representada nun total de 7 escenarios galegos ante máis de 3.000 espectadores.

Imaxe do cartel da obra Illa Reunion

A directora Ana Vallés utilizou o concepto de viaxe e o mito do viaxeiro como punto de partida para a creación colectiva desta montaxe, que utiliza a fragmentación como técnica narrativa, ao tempo que explora as múltiples posibilidades expresivas do teatro, a danza e a música.

A acción desenvólvese nun espazo escénico diáfano, que ten a súa principal vestimenta nos diversos matices da luz creada por Baltasar Patiño e no especial plano sonoro que aporta a música en directo dos instrumentos de vento (bombardino, trompeta, tuba) e de percusión que empregan músicos e actores. Integraron tamén o equipo artístico Marina Wainer, axudante de dirección e deseñadora do vestiario xunto a Ana Vallés; Santi Mañasco, auxiliar de dirección, e Luis Soto, encargado dos arranxos musicais.

Historias reais

Un elenco de 14 actores, bailaríns e músicos (Daniel Abreu, Helen Bertels, Matxalen Bilbao, Xoán Cejudo, Antón Coucheiro, Borja Fernández, Roberto Leal, Marta Pazos, Emma Silva, Sergio Zearreta, Pablo Dopazo, Manuel O. Paino, Hugo Portas e Pablo Santaclara) desenvolve unha intensa interpretación coral, que durante toda a obra se mantén nun plano paralelo ao das intervencións individuais. Nestas, os intérpretes comunican historias reais, propias e alleas, fundamentadas nos sentimentos contraditorios desatados por viaxes transcendentais nas súas vidas.

Incluíndo as representacións que acollerá mañá e o sábado o Teatro Jofre de Ferrol, Illa Reunión terá ofrecido un total de 33 funcións dende a súa estrea o pasado 3 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Con este espectáculo, O CDG visitou, ademais, Narón, Pontevedra, Vigo, Ourense e Ribadeo.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal