AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O TEATRO JOFRE INTÉGRASE NO CIRCUÍTO DE ESPAZOS CDG

"Noite de Reis. Ou o que queirades" ofrece catro funcións en Ferrol

[12/11/2007] O Teatro Jofre de Ferrol acolle esta semana a obra Noite de Reis. Ou o que queirades, que presenta o Centro Dramático Galego (CDG) da man dun dos directores máis consagrados do panorama escénico galego, Quico Cadaval. A montaxe, coa que a compañía pública iniciou o seu plan de produción propia para a actual temporada escénica 2007-2008, constitúe a primeira incursión de Cadaval no repertorio shakespearano, o que se plasma nun divertido xogo escénico de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos con apaixonantes historias de amor e desamor.

A compañía pública inaugura con esta montaxe, e en colaboración coa Concellería de Cultura de Ferrol, o proxecto Espazos CDG, un servizo de creación e difusión dramática que nace como unha forma de distribución dos seus espectáculos baixo uns criterios de continuidade e accesibilidade para todos os espectadores do país. Preténdese garantir o coñecemento das propostas artísticas do CDG, así como converter a súa estadía en cada comarca nunha gran festa do teatro.

Ademais de Ferrol, son Espazos CDG Ourense, Tui, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, O Barco de Valdeorras, Narón, A Coruña e A Mariña (Burela e Ribadeo), localidades polas que, entre outras, discorrerá Noite de Reis. Ou o que queirades nunha xira que conta coa colaboración de Caixa Galicia.

ANIMACIÓN A CARGO DE PISTACATRO

Co obxectivo de apoiar e consolidar as programacións escénicas en todos estes lugares, o equipo do CDG realizou, conxuntamente coa compañía galega de novo circo Pistacatro, unha pequena función móbil que busca sorprender coa maxia das artes escénicas aos viandantes. Con aproximadamente vinte minutos de duración, demostrará que a escena é algo cercano, divertido e sorprendente, que forma parte da vida cotiá, desenvolvendo a súa acción naqueles espazos onde transcorre o pulso diario das vilas e das cidades, como son os mercados, as rúas, as estacións de tren e autobuses... Na localidade de Ferrol este espectáculo desenvolverase o mércores 14 no Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Universitario (ás 11.00 h), no Centro de Mariores da Obra Social CaixaGalicia (ás 11.45 h) e no Fogar do Maior (ás 13:00).

Noite de Reis foi unha das primeiras obras de Shakespeare, que se presume foi escrita entre 1599 e finais de 1601. Representouse ao comezo da Restauración mais non se imprimiu ata a súa inclusión no First Folio en 1623.

Trátase dunha comedia mediterránea sobre o amor e as tolemias e baballadas que este nos leva a facer. A acción comeza cando Sebastián e Violeta, irmáns xemelgos, naufragan ante a costa de Ilíria. Violeta consegue chegar case sen vida á praia. Ela cre que Sebastián morreu. Vestida de home e facéndose pasar por un paxe novo co nome de Cesario, pasa a servir na corte do duque Orsino que está "poética, apaixonada e desesperadamente namorado" da aflixida Lady Olivia, que o rexeita continuamente. Orsino utiliza a Cesario como confidente e como mensaxeiro para declararlle o seu amor a Olivia pero Cesario -Violeta, en realidade- comeza a namorarse de Orsino mentres que Olivia, pola súa parte, se namora do mensaxeiro, que é Cesario. Namentres, Malvolio, servidor de Olivia, perseguirá o amor da súa ama e, a causa dunha confusión amañada, crerase correspondido, producíndose unha serie de situacións hilarantes que o levaran case a entolecer. Ao mesmo tempo, Antonio, capitán de barco, conseguíu rescatar do mar a Sebastián. Ambos desembarcan en Ilíria. A presenza de Sebastián na cidade será o comezo do fin do enredo.

Noite de Reis. Ou o que queirades ofrecerá en Ferrol catro funcións: dúas concertadas para institutos -que terán lugar o xoves 15 e o venres 16 de novembro ás 11.00 horas-, e outras dúas para o público xeral o sábado 17 e o doimgo 18 ás 20.30 horas. As entradas, ao prezo de 12 (patio de butacas, plateas e 1º andar) e 10 (2º e 3º andar), poderanse adquirir na billeteira do Teatro Jofre os días da función de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.30 horas.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal