AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ESTÁ INTERPRETADA POR ÁNXELA ABALO, VICENTE DE SOUZA E XOSÉ BONOME

Ancora Produccións representa "Medidas preventivas" no Salón Teatro

[30/11/2007] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle mañá sábado ás 20.30 e o domingo 2 ás 18.00 horas dúas funcións de Medidas preventivas, a última proposta teatral da compañía coruñesa Ancora Produccións. Escrita e dirixida por Gustavo Pernas Cora, o texto da obra obtivo o premio ao Mellor Libro de Teatro 2007 da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Medidas preventivas

Medidas preventivas é unha comedia dramática que quere lanzar unha mirada irónica e crítica, non exenta de humor negro, sobre as novas relacións e os novos comportamentos sociais: medidas que venden protección a cambio da submisión e seguridade, a cambio de medo; medidas que instalan aos cidadáns nun consumo despreocupado a cambio da desconfianza social, medidas desenfocadas e dirixidas a cidadáns de a pé, presuntos culpables nos seus actos cotiáns que foron nacendo entre guerras preventivas e catástrofes inesperadas, entre prevencións sobredimensionadas e interesadas e a neglixencia e pasividade dos gobernantes diante do clamor da fame ou da contaminación mundial.

O trío interpretativo que compoñen Ánxela G. Abalo, Vicente de Souza e Xosé Bonome encárgase de dar vida a quince personaxes en cinco situacións diferentes, fragmentos de ficción ou sucesos duna realidade que existe ou á que asistiremos en breve. A escenografía foi deseñada por Suso Montero e a música, escrita por Bernardo Martínez.

O humor como terapia

Ancora Produccións nace en 1989 da man de dous profesionais de teatro cunha longa traxectoria ás súas costas, Ánxela G. Abalo e Gustavo Pernas Cora, a partir dunha coincidencia de criterios artísticos e de investigación. A compañía afonda no espazo do teatro nesta "sociedade do espectáculo", telecomunicada e hiperinformada, pero sen lugar para intervalos onde agrome o coñecemento e a diferenza, onde o corpo se comunique a escala humana, á medida da voz e do xesto.

Sempre na fronteira, utiliza o humor como estratexia, a terapia dun espello diante do espectador para que se ría, ás veces sen sabelo, de si mesmo. Humor como diversión, pero tamén humor como reflexión que nos conduce ao compromiso. "Participamos dun compromiso dende a escena, acción comprometida no social, nunca no banal. Que outros redunden neste imperio da banalidade", apuntan Abalo e Pernas.

As entradas para asistir ás representacións de Medidas preventivas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal