AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ENRIQUE DIAZ RECONSTRÚE O CLÁSICO DE CHEJOV NUNHA POSTA EN ESCENA EXPERIMENTAL

A produción brasileira "Seagull play" recala no Salón Teatro dentro da súa xira europea

[13/12/2007] A produción brasileira Seagull Play (A Gaivota), unha creación colectiva dirixida por Enrique Diaz, represéntase esta fin de semana (sábado 15 ás 20.30 horas e domingo 16 ás 18.00 horas) no Salón Teatro de Santiago. O espazo escénico de Compostela e Xixón son as únicas dúas prazas no territorio español incorporadas ao percorrido da compañía a partir da súa presentación o pasado verán no Festival de Outono de París.

Imaxe de Seagull-Play

Seagull Play parte da idea de atoparse a un mesmo en medio do caos do noso tempo, as crisis ideolóxicas e os novos conflitos. Baixo esta idea, o director brasileiro Enrique Diaz (fundador da Companhia dos Atores e do Colectivo Improviso), desenvolve unha obra de teatro experimental cunha posta en escena inspirada na obra A gaivota de Chejov, que se basea na reconstrución do clásico mediante diálogos entre os sete actores e actrices participantes e os seus personaxes. Deste xeito, o cerne interpretativo que compoñen Enrique Diaz, Lorena da Silva, Emílio de Mello, Felipe Roche, Gilberto Gawronski, Malu Galli e Isabel Teixeira aspira a levar as súas dúbidas respecto da obra do autor ruso a escena, expresando as súas opinións sobre ela.

CONCEPCIÓN DE COMEDIA

Esta creación colectiva recolle e conserva de forma case íntegra a obra de Chejov e convida ao espectador a participar nun xogo en que se desenvolven situacións hilarantes, consideracións sobre o "ser artistas", o "ser familiar" e o "ser humano", xogo que provoca tensións e emocións e que, sobre todo, presenta un finísimo sentido do humor en coincidencia coa concepción orixinal do texto como unha comedia.

A liña argumental parte das vacacións nun lago dunha familia de artistas. Os máis novos intentan desenvolver unha forma de novo teatro e os maiores gozan da súa celebridade –brillante e anticuada– temendo o mesmo tempo a súa inevitable decandencia.

As entradas para asistir as representacións de Seagull-Play (A Gaivota) poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén xa poden adquirise na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

A MARCA DE ENRIQUE DÍAZ

Enrique Diaz ten levado a escena numerosas obras de teatro xurdidas dos repertorios clásico e contemporáneo, como son As tres irmás de Chejov, Cobaias de Satán de Filipe Miguez, e comedias como Só eles o saben de Jean Tardieu ou Unha cousa moi louca de Flavio de Souza.

Con 19 anos fundou en Rio de Janeiro a Companhia dos Atores. O grupo colle rumbo a comezos dos noventa co espectáculo A Bao a Qu, inspirado en Mallarmé e en textos de Jorge Luis Borges. Esta compañía traballa ante todo sobre a interpretación do actor, e nese espírito os textos (escritos polo propio grupo ou por outros dramaturgos) serven de lanzadeira para a aventura da interpretación. Nas súas creacións, a visión do espectáculo pasa polo actor, polo deseño de personaxes e polo fenómeno da actualización. Todas as obras de Enrique Diaz levan a marca dun director que tamén é actor e que leva a un primeiro plano a figura do intérprete, construíndo todos os espectáculos arredor e a partir do elenco.

En setembro de 2003 Enrique Diaz presentou por primeira vez en Francia A Paixón segundo G.H. no Festival Temps d’Images (Arte e La Ferme du Buisson). En 2006, Enrique Diaz e a Companhia dos Atores déronlle unha volta ao Hamlet de Shakespeare con Ensaio.Hamlet, un espectáculo que, igual que Seagull-Play (A Gaivota) fai agora, puña en cuestión o acto de crear e facía unha referencia metateatral interpretando unha obra dentro da obra.

Dirixe tamén desde 2002 a compañía teatral Coletivo Improviso, nacida do encontro de artistas de distintos universos nun obradoiro para actores e bailaríns dirixidos por Enrique Diaz e Mariana Lima. O Coletivo Improviso emprega a improvisación e a multidisciplinaridade para ofrecer unha nova visión sobre cuestións vinculadas á urbanidade. Estes catorce bailaríns, actores e músicos descubertos nun festival de teatro na rúa no Rio de Janeiro, son uns virtuosos da improvisación e fabrican un espectáculo á medida a partir de calquer tema dado.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal