AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A CIDADE DO LÉREZ INCORPÓRASE AOS ESPAZOS CDG

"Noite de Reis. Ou o que queirades" chega ao Pazo da Cultura de Pontevedra

[19/12/2007] O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle este venres 21 ás 21.00 horas o espectáculo do Centro Dramático Galego Noite de Reis. Ou o que queirades, a obra de Shakespeare que chega da man de Quico Cadaval, un dos directores máis consagrados do panorama escénico galego. A montaxe, que está a obter un grande éxito de público con cheos na práctica totalidade das funcións ofrecidas, combina un divertido xogo de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos con apaixonantes historias de amor e desamor.

Imaxe de "Noite de Reis"

Rebeca Montero, María Bouzas, Xosé Manuel Olveira Pico e Marcos Orsi encabezan o elenco de 10 actores e actrices -Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrin- e no que tamén participan os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio. Prestan tamén a súa colaboración artística para a posta en escena Baltasar Patiño (escenografía e deseño de iluminación), Gilda Bonpresa (vestiario), Bernardo Martínez (espazo sonoro e dirección musical) e Dolores Centeno (maquillaxe). Como axudante de dirección exerceron Marta Lago e Rebeca Montero.

PONTEVEDRA, ESPAZO CDG

A compañía pública inaugura con esta montaxe, e en colaboración co Pazo da Cultura de Pontevedra o proxecto "Espazos CDG", un servizo de creación e difusión dramática que nace como unha forma de distribución dos seus espectáculos baixo uns criterios de continuidade e accesibilidade para todos os espectadores do país. Preténdese garantir o coñecemento das propostas artísticas do CDG, así como converter a súa estadía en cada comarca nunha gran festa do teatro.

Ademais de Pontevedra, son "Espazos CDG" O Barco de Valdeorras, Tui, Ourense, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Ferrol, Narón, A Coruña e A Mariña (Burela e Ribadeo), localidades polas que, entre outras, está a discorrer Noite de Reis. Ou o que queirades.

Co obxectivo de apoiar e consolidar as programacións escénicas en todos estes lugares, o equipo do CDG realizou, conxuntamente coa compañía galega de novo circo Pistacatro, unha pequena función móbil que busca sorprender coa maxia das artes escénicas aos viandantes. Con aproximadamente vinte minutos de duración, demostrará que a escena é algo cercano, divertido e sorprendente, que forma parte da vida cotiá, desenvolvendo a súa acción naqueles espazos onde transcorre o pulso diario das vilas e das cidades, como son os mercados, as rúas, as estacións de tren e autobuses... Na cidade de Pontevedra este espectáculo desenvólvese hoxe mércores no Paseo de Montero Ríos ás 10.30 e na Praza da Peregrina ás 13.00 horas.

SOBRE AS TOLEMIAS DO AMOR

Noite de Reis foi unha das primeiras obras de Shakespeare, que se presume foi escrita entre 1599 e finais de 1601. Representouse ao comezo da Restauración, mais non se imprimiu ata a súa inclusión no First Folio en 1623.

Trátase dunha comedia mediterránea sobre o amor e as tolemias e baballadas que este nos leva a facer. A acción comeza cando Sebastián e Violeta, irmáns xemelgos, naufragan ante a costa de Ilíria. Violeta consegue chegar case sen vida á praia. Ela cre que Sebastián morreu. Vestida de home e facéndose pasar por un paxe novo co nome de Cesario, pasa a servir na corte do duque Orsino que está "poética, apaixonada e desesperadamente namorado" da aflixida Lady Olivia, que o rexeita continuamente. Orsino utiliza a Cesario como confidente e como mensaxeiro para declararlle o seu amor a Olivia, pero Cesario -Violeta, en realidade- comeza a namorarse de Orsino mentres que Olivia, pola súa banda, se namora do mensaxeiro, que é Cesario. Namentres, Malvolio, servidor de Olivia, perseguirá o amor da súa ama e, a causa dunha confusión amañada, crerase correspondido, producíndose unha serie de situacións hilarantes que o levaran case a entolecer. Ao mesmo tempo, Antonio, capitán de barco, conseguíu rescatar do mar a Sebastián. Ambos desembarcan en Ilíria. A presenza de Sebastián na cidade será o comezo do fin do enredo.

Noite de Reis. Ou o que queirades ofrecerá en Pontevedra dúas funcións: unha concertada para institutos -que terá lugar mañá xoves ás 11.00 horas-, e outra para o público xeral o venres 21 ás 21.00 horas. As entradas, ao prezo de 5 e 3 (estudantes, parados e xubilados), poderán adquirirse na billeteira do Teatro Principal o mesmo día da función de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e no Pazo da Cultura, unha hora e media antes do comezo da representación, é dicir, a partir das 19.30 horas.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal