AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

"MALGRÉ NOUS, NOUS ÉTIONS LÀ" ESCENIFÍCASE XOVES E VENRES

Paulo Ribeiro e Leonor Keil danzan un dueto sobre o amor no Salón Teatro

[19/12/2007] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá mañá xoves día 20 e o venres 21, ás 20.30 horas, dúas funcións de Malgré nous, nous ètions là (A pesar de nós, estabamos alá) , o último espectáculo da Compañía de Paulo Ribeiro que supón o regreso do coreógrafo portugués como bailarín. Ribeiro, ex colaborador do Ballet Gulbenkian e actual director do Teatro Viriato, en Viseu (Protugal), interpreta nesta ocasión xunto a Leonor Keil, un dueto sobre a intimidade e a complicidade da parella, sobre a alegría de vivir permanentemento en compañía.

Imaxe de Paulo Ribeiro

Baseada en textos do "Livro da Dança" de Gonçalo M. Tavares, con música de Bernardo Sassetti, Gilbert Becaud e Bárbara Travadinha, a coreografía reflicte o conflito que se xera entre a figura totalmente feita para a danza de Leonor Keil e o corpo de Paulo Ribeiro, co que se comunica a dificultade de acompañar cos movementos a vontade do corazón de estar outra vez enriba do escenario. A interpretación non esquece a ironía e o humor sempre presentes no traballo do coreógrafo.

As entradas para asistir as representacións de Malgré nous, nous ètions là poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén poden adquirise xa na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).

AMPLA TRAXECTORIA PROFESIONAL

Natural de Lisboa, antes de afirmarse como coreógrafo Paulo Ribeiro fixo carreira como bailarín en varias compañías de Bélxica e Francia. A súa estrea no dominio da creación coreográfica foi en 1984, en París, no ámbito da compañía Stridanse, da que foi co-fundador, e que o levou á participar en diversos concursos daquela cidade, obtendo, en 1984, o premio de Humor e, en 1985, o segundo premio de Danza Contemporánea, ambos no Concurso Volinine.

De volta a Portugal, en 1988, comezou a colaborar coa Compañía de Dança de Lisboa e co Ballet Gulbenkian, para os que creou respectivamente Taquicardia (Premio Revelación do jornal Sete, en 1988) e Ad vitam . Co só de danza Modo de utilização, interpretado por el mesmo, representou a Portugal no Festival Europália 91, en Bruxelas.

A súa carreira de coreógrafo expándese no plano internacional a partir de 1991, coa creación de obras para compañías de renome: Nederlands Dans Theater II ( Encandos de servilo e Waiting for Volúpia ), Nederlands Dans Theater III ( New age ); Grand Théâtre de Genève ( Une histoire de passion ); Centre Chorégraphique de Nevers-Borgoña ( Le cygne renversé ). Para o Ballet Gulbenkian, creará aínda: Inquilinos , Cuatro árias de ópera (en colaboración con Clara Andermatt, João Fiadeiro e Vera Mantero), Comédia Off-1 .

Entre tanto, Paulo Ribeiro foi galardoado, en 1994, co Premio Acarte/Maria Madalena de Azeredo Perdigão pola obra Dançar Cabo Verde, encomenda de Lisboa 94 - Capital Europea da Cultura, realizada conxuntamente con Clara Andermatt.

En 1995, fundou a Compañía Paulo Ribeiro, subvencionada polo Ministerio de Cultura portugués, para a que creou as coreografías: Sábado 2, Rumor de deuses, Azul esmeralda, Memorias de Pedra - Tempo caído, Orock, Ao vivo, Comédia Off-2, Tristes europeus - Jouissez sans entraves, Sililcone não, Memórias de um sábado com rumores de azul, Malgré nous, nous étions là e Masculine .

O traballo coa súa propia compañía permitiulle a Ribeiro desenvolver mellor a súa linguaxe persoal como coreógrafo. A obra Rumor de deuses foi distinguida en 1996 cos premios de Circulação Nacional, concedido polo Instituto Português do Bailado e da Dança e Circulação Internacional, concedido polo Centro Cultural de Courtrai, os dous incluídos no concurso Mudanças 96.

Tamén recibiu outros premios relevantes como o premio de Autor nos V Rencontres Chorégraphiques Internationales de Seine Saint-Denis (Francia); o premio nova coreografía concedido polo Bonnie Bird Fund-Laban Centre de Gran Bretaña; o premio de Interpretación Colectiva concedido pola ADAMI (Francia); o premio Bordalo da Casa da Imprensa en 2001. E ademais do seu traballo de coreógrafo, Paulo Ribeiro desempeñou, entre 1998 e 2003 e desde setembro de 2006 o cargo de Director xeral de programación do Teatro Viriato/CRAE, que obtivo en 1999 o Premio Almada do Instituto Portugués das Artes do Espectáculo polo traballo desenvolvido na área da danza.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal