AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O ESPECTÁCULO FOI VISTO ATÉ O MOMENTO POR 10.740 ESPECTADORES

'Noite de Reis' finaliza a súa xira galega con tres funcións en Narón

[15/01/2008] O Auditorio Municipal de Narón acolle esta semana as últimas funcións do espectáculo do CDG Noite de Reis. Ou o que queirades, dirixido por Quico Cadaval. Coas representacións dos días 17, para institutos; e 18 e 19, para o público xeral, remata un exitoso período de exhibición de case tres meses de duración, que rexistrou cheos de público na meirande parte das 23 representacións ofrecidas até o momento. A montaxe, coa que a compañía pública iniciou o seu plan de produción propia para a actual temporada escénica 2007-2008, foi representada en once escenarios galegos ante máis de 10.740 espectadores.

Escena de 'Noite de Reis'

Rebeca Montero, María Bouzas, Xosé Manuel Olveira Pico e Marcos Orsi encabezan o elenco de 10 actores e actrices -Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrin- ao que se suman os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio. Prestan tamén a súa colaboración artística para a posta en escena Baltasar Patiño (escenografía e deseño de iluminación), Gilda Bonpresa (vestiario), Bernardo Martínez (espazo sonoro e dirección musical) e Dolores Centeno (maquillaxe). Como axudante de dirección exerceron Marta Lago e Rebeca Montero.

Narón, espazo CDG

A compañía pública inaugura con esta montaxe, e en colaboración co Padroado de Cultura de Narón, o proxecto ‘Espazos CDG’, un servizo de creación e difusión dramática que nace como unha forma de distribución dos seus espectáculos baixo uns criterios de continuidade e accesibilidade para todos os espectadores do país. Preténdese garantir o coñecemento das propostas artísticas do CDG, así como converter a súa estadía en cada comarca nunha gran festa do teatro.

Ademais de Narón, son "Espazos CDG" A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Tui, Ourense, O Barco de Valdeorras e A Mariña (Burela e Ribadeo), localidades polas que, entre outras, discorreu Noite de Reis. Ou o que queirades, nunha xira para a que se contou coa colaboración da Fundación Caixa Galicia.

Unha comedia sobre as tolemias do amor

Noite de Reis foi unha das primeiras obras de Shakespeare, que se presume foi escrita entre 1599 e finais de 1601. Representouse ao comezo da Restauración, mais non se imprimiu ata a súa inclusión no First Folio en 1623.

Esta comedia mediterránea combina un divertido xogo de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos con apaixonantes historias de amor e desamor. A acción comeza cando Sebastián e Violeta, irmáns xemelgos, naufragan ante a costa de Ilíria. Violeta consegue chegar case sen vida á praia. Ela cre que Sebastián morreu. Vestida de home e facéndose pasar por un paxe novo co nome de Cesario, pasa a servir na corte do duque Orsino que está "poética, apaixonada e desesperadamente namorado" da aflixida Lady Olivia, que o rexeita continuamente. Orsino utiliza a Cesario como confidente e como mensaxeiro para declararlle o seu amor a Olivia, pero Cesario -Violeta, en realidade- comeza a namorarse de Orsino mentres que Olivia, pola súa banda, se namora do mensaxeiro, que é Cesario. Namentres, Malvolio, servidor de Olivia, perseguirá o amor da súa ama e, a causa dunha confusión amañada, crerase correspondido, producíndose unha serie de situacións hilarantes que o levaran case a entolecer. Ao mesmo tempo, Antonio, capitán de barco, conseguiu rescatar do mar a Sebastián. Ambos desembarcan en Ilíria. A presenza de Sebastián na cidade será o comezo do fin do enredo.

Noite de Reis. Ou o que queirades ofrecerá en Narón tres funcións: unha concertada para institutos –que terá lugar o xoves 17 ás 11.00 horas–, e dúas para o público xeral, o venres 18 ás 20.30 horas e o sábado 19 ás 20.00 horas. As entradas, ao prezo de 8 € e 4 € (menores de 14 anos e usuarios do Carné Xoven e de estudante), poderán adquirirse nas oficinas do Auditorio o xoves 17 e o venres 18 de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.30 horas e na propia billeteira os días da función unha hora antes do comezo da representación.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal