AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

DADO O ÉXITO DE PÚBLICO ACADADO, O CDG REPORÁ A OBRA EN 2009

'Noite de Reis' remata a súa xira galega cun balance de 15.000 espectadores

[23/01/2008] O último espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), Noite de Reis. Ou o que queirades, rematou o seu período de distribución en Galiza cun balance de 14.984 espectadores, despois dunha xira de practicamente tres meses de duración por 11 escenarios das catro provincias.

Noite de Reis

Nun éxito con escasos precedentes no teatro galego, a obra de W. Shakespeare que dirixiu Quico Cadaval rexistrou cheos de público na meirande parte das máis de corenta representacións ofrecidas, 22 delas celebradas no Salón Teatro de Santiago, espazo onde en repetidas ocasións se esgotaron as localidades para a asistir ao espectáculo e chegaron a manexarse listaxes de espera de espectadores interesados en ver a obra.

Dado o grao de expectación suscitado por esta proposta escénica –na que Cadaval realiza unha dramaturxia sobre o texto de Shakespeare e trasládao a unha sorte de comedia mediterránea chea de tolemias e enredos amorosos–, a directora do CDG, Cristina Domínguez Dapena, prevé a reposición da montaxe cunha estadía prolongada en Compostela para a seguinte temporada 2009, así como participar no próximo mes de xuño nalgúns dos principais festivais de teatro de verán da península.

Noite de Reis. Ou o que queirades, montaxe coa que a compañía pública iniciou o seu plan de produción da actual temporada 2007-2008, marcou ademais a posta en marcha do circuíto "Espazos CDG", baixo o que se organizaron actividades promocionais para o conxunto das artes escénicas.

Canto ás cifras de espectadores, 11.393 persoas acudiron ao espectáculo durante a xira que discorreu polos teatros de Ourense, Carballo, O Barco, Ferrol, Vigo, Vilagarcía, Tui, Ribadeo, Pontevedra, A Coruña e Narón, mentres que 3.591 espectadores se puxeron diante da montaxe nas 22 funcións desenvolvidas en Compostela, algunhas delas concertadas para alumnos de centros de ensino medio.

A montaxe contou coa interpretación actoral de Rebeca Montero, María Bouzas, Xosé Manuel Olveira Pico, Marcos Orsi, Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrin e a música en directo executada por Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal