AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A PRIMEIRA COPRODUCIÓN DA TEMPORADA DO CENTRO COREOGRÁFICO GALEGO PODE VERSE O SÁBADO 26, ÁS 20.30 H, E O DOMINGO 27, ÁS 18.00

A Compañía Daniel Abreu e o CCG presentan 'Negro' no Salón Teatro

[24/01/2008] A Compañía Daniel Abreu, en coprodución co Centro Coreográfico Galego (CCG), presenta os vindeiros sábado 26 ás 20.30 horas e domingo 27 ás 18.00 horas o espectáculo Negro, primeira proposta do plan de coproducións do CCG para a actual temporada escénica. Trátase dun traballo intimista dirixido polo coreógrafo canario e interpretado por el mesmo xunto a tres bailarinas galegas, baseado no corpo como único instrumento e na poética que se pode atopar nos xestos e nos obxectos máis cotiáns.

negro

Con Negro, o Centro Coreográfico Galego, unidade para o fomento da danza da Consellaría de Cultura e Deporte, continúa coa liña aberta o pasado ano de apoio á materialización de proxectos xurdidos de iniciativas profesionais procedentes de compañías privadas. Estes proxectos, como foi o caso da creación de Daniel Abreu, reciben, xunto a unha dotación económica, un acompañamento do equipo do centro durante o proceso de creación e produción, ademais do deseño da planificación dos recursos específicos para cada nova montaxe.

Se o pasado 2007 os espectáculos coproducidos polo Centro Coreográfico foron Arteaescena con Experimenta Danza e 30.000 con Pisando Ovos, nesta temporada verán a luz nos próximos meses Tradición, con Nova Galega de Danza; e Femenine, con Paulo Ribeiro, o que suporá o avance neste xeito de colaboración coa danza galega, inédito ata o momento, e completamentario á produción propia, apartado este último no que se insire a estrea o vindeiro 29 de febreiro de Kiosco das almas perdidas, a cargo do coreógrafo Roberto Oliván.

O corpo como único instrumento

Negro está dirixido e coreografado por Daniel Abreu, quen tamén forma parte da interpretación desta peza xunto ás bailarinas galegas afincadas en Madrid, Andrea Quintana, Janet Novas e Anuska Alonso. O traballo fundaméntase no corpo como único instrumento motor de toda sensación. Clasificada no marco da danza contemporánea e da improvisación, a montaxe construíuse de xeito colectivo, partindo das experiencias dos intérpretes ante a súa memoria e ante a súa calidade de movemento, e tomando como referencia a poética que se pode atopar en situacións, xestos e obxectos da vida cotiá.

Titoría de Lipi Hernández

Completan o equipo desta coprodución Igor Calonge como asistente de produción, TRAStornados no vestiario e Miguel Gil, Haru Mori e Masahiro Hiramoto na música, unha selección de temas que van desde a electrónica até os sons árabes. Ademais, para a realización de Negro, a compañía contou coa titoría arítstica de Lipi Hernández, coreógrafa da compañía catalá Malqueridas e do centro de creación La Caldera de Barcelona. Hernández tivo varios encontros con Daniel Abreu e a súa compañía, compartindo con eles o proceso creativo e aportando a súa ollada externa e experiencia.

Actividade formativa paralela

Arredor desta coprodución, dende a súa estrea o venres 18 de xaneiro no Teatro Ensalle de Vigo, leváronse a cabo unha serie de actividades formativas paralelas, coas que achegar a danza ao público e propiciar o intercambio entre os profesionais, que se materializaron en varios ensaios abertos e obradoiros celebrados nos conservatorios de Lugo e A Coruña.

Dentro do período de distribución de Negro, que se realizará dentro e fóra de Galiza, está prevista a súa participación no Festival Madrid en Danza con dúas funcións que se celebrarán os días 15 e 16 de abril na Sala Cuarta Pared da capital española.

Bailarín e coreógrafo de gran talento, Daniel Abreu traballou para compañias como Provisional Danza ou Matarile Teatro. Foi asistente de dirección de Ana Vallés e Carmen Werner en Mi pie izquierdo e asistente de coreografía da ópera Macbeth no Teatro Real. Obtivo o Premio do Xurado no XVIII Certamen Coreográfico de Madrid, xunto a Mónica García.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal