AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

PABLO VERGNE DIRIXE ESTE ESPECTÁCULO DE TÍTERES PARA PÚBLICO ADOLESCENTE

O CDG inaugura cun xogo de rol en Narón a xira de 'Valdemuller'

[19/02/2008] O Auditorio Municipal de Narón acolle esta semana a nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), Valdemuller, un espectáculo de monicreques dirixido polo arxentino Pablo Vergne segundo a creación colectiva realizada a partir da novela de Xosé A. Neira Cruz. Trala súa estrea o pasado día 15 en Ourense, o espectáculo inicia en Narón a xira que o levará nos próximos meses a distintas localidades galegas, Valencia e O Porto.

Imaxe Valdemuller

Valdemuller ofrecerá catro funcións no Auditorio Municipal: dúas concertadas para institutos (mércores 20 e xoves 21 ás 11.00 horas); e outras dúas para público familiar (venres 22 ás 20.30 horas e sábado 23 ás 20.00 horas). Previamente a estas dúas últimas funcións, desenvolverase un xogo de rol especialmente deseñado para a promoción e achegamento á montaxe. As entradas ao espectáculo, ao prezo de 8 e 4 (menores de 14 anos e usuarios do Carné Xoven e de estudante), poderán adquirirse nas oficinas do Auditorio o xoves 21 e o venres 23 de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.30 horas e na propia billeteira os días da función, unha hora antes do comezo da representación.

A segunda produción do CDG para a temporada 2007-2008 supón a visibilidade da combinación entre dous elementos tradicionalmente asociados a programacións menores, como son o teatro de monicreques e o teatro dirixido especialmente a público en idade adolescente. Así, a compañía pública galega asume a tarefa pór en marcha esta singular montaxe co obxectivo de impulsar os discursos dramáticos arriscados e dar pulo á actividade escénica considerada nas marxes.

O ESTILO VERGNE

Director arxentino afincado en Madrid, Pablo Vergne caracterízase por un estilo moi persoal que combina tradición e innovación, economía de medios e máxima expresividade, exploración de materiais e reciclaxe de obxectos, procura de novas linguaxes escénicas e complicidade co público no feito teatral. Para Valdemuller contou cun equipo artístico integrado polas actrices-manipuladoras Alba Grande, Montse Piñón, Raquel Queizás e Manuela Varela, ademais de María de la Iglesia (espazo escénico e vestiario das actrices), Mari Carmen Pérez Pastor e Gador Enríquez (vestiario dos monecos), Octavio Mas (iluminación) e María Eugenia Romero Baaamonde (axudante de dirección). Ricardo Vergne, Gustavo Brito, Javier Gallego e Bernardo Rodríguez foron os encargados de realizar os 17 monicreques de case 60 centrímetros de altura construídos en látex, goma escuma e poliuretano sobre unha estrutura interna de madeira, PVC e aluminio.

SINOPSE

O punto de partida deste espectáculo é o décimoquinto aniversario de Mina. A súa familia está a prepararlle unha festa con posta de longo incluída, aínda que non é do seu gusto. A sorte fai que algúns dos tópicos da festa sufran certos cambios involuntarios, como o acontecido co elegante traxe que lle tiñan preparado. Un agasallo misterioso desencadea unha investigación: Mina recibe un colgante en forma de estrela de sete puntas ante o cal toda a familia experimenta un certo nerviosismo. A rapaza, pouco e pouco e coa axuda da súa tía Olga, vai descubrindo os segredos que agocha o galano e as historias que oculta a súa familia. O colgante, que leva inscrito o nome de Valdemuller, pertence a súa tía avoa Estrela, que marchou moitos anos atrás a vivir ao monte.

A partir da entrega do obxecto máxico comeza para Mina a verdadeira busca da súa identidade. Emprende unha viaxe ata Valdemuller chea de aventuras e perigos e, ao tempo que descobre o que significa ser unha "filla da lúa", experimenta un proceso de autocoñecemento e maduración que a axudarán a continuar a súa vida a través doutra perspectiva.

XOGO DE ROL DE BUSCA E MISTERIO

Co obxectivo de apoiar esta programación escénica na cidade de Narón e fomentar o achegamento dos rapaces ao teatro dun xeito divertido e novedoso, o equipo do CDG levará a cabo o venres 22 e o sábado 23 un xogo de rol de busca e misterio. Con aproximadamente 60 minutos de duración e dirixido a xogadores de 10 a 14 anos, O misterio de Valdemuller iniciarase ambos os dous días ás 18.00 horas no Auditorio Municipal.

O xogo parte da idea de que aínda que se sabe que existe, ninguén estivo nunca en Valdemuller, ninguén coñece as súas rúas e a súa veciñanza, ninguén sabe como son as súas casas, o seu cheiro ou a súa cor. Trátase de descubrir este misterio. Divididos en grupos, os rapaces terán que seguir os sinais que deberán rastrexar polo chan e paredes das rúas e do propio auditorio, na pescuda de Valdemuller. As pistas sobre as que traballarán xirarán tanto arredor da lectura mediante a resolución de criptogramas, como probas de equipo (algunhas relacionadas coas ferramentas das artes escénicas: maquillaxe, canto, descubrimento corporal...). Esta misteriosa viaxe rematará no patio de butacas, coa posta en escena da propia obra.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal