[21/02/2008] O Salón Teatro de Compostela acolle este sábado día 23, a partir das 22.00 horas, a actuación de Michael Gira e de Fabrizio Modonese Palumbo "(r)". O fundador do mítico grupo Swans e o vocalista da banda de culto experimental Larsen protagonizan a segunda cita da extensión en Santiago do Festival Sinsal, un encontro de referencia en Galiza para a música contemporánea máis vangardista. O escenario que xestiona o Centro Dramático Galego continúa así co seu labor de difusión das expresións escénicas máis actuais, dende unha perspectiva multidisplinar e integradora.
Artista de múltiples facetas, o norteamericano Michael Gira presentará no Salón Teatro o seu último traballo discográfico, We Are Him, onde recupera un son máis próximo ao rock dos Birthday Party, de Nick Cave ou dos Swans, o grupo que fundou a principios dos anos oitenta. O de Santiago será o segundo dos seis concertos dunha xira europea que dará comezo mañá en Barcelona e continuará en Portugal e Italia.
Na procura de novos sons
Gira é, por riba de todo, un músico sempre á procura de novos sons. A súa infancia transcorreu nun suburbio dos Ánxeles ata que os seus pais se divorciaron. Tras pasar unha mocidade movida, con busca por parte da Interpol incluída, en 1979 múdase a Nova York e decide crear un grupo influenciado pola No Wave e artistas como Suicide ou Glenn Branca. É así como nacen os Swans, formación de ritmos rudos e texturas abrasivas inserida no que podería ser considerado como rock experimental e postindustrial. A incorporación á banda de Jarboe, parella durante longo tempo do artista, adozou algo o ambiente coa súa voz e teclados. Ao disolver os Swans en 1997, Gira editou un álbum en solitario e comezou a aventura de The Angels of Light, máis calmados e acústicos ca o seu grupo anterior.
No concerto de Santiago tamén intervirá (r), nome artístico tras o que se esconde o proxecto en solitario do italiano Fabrizio Modonese Palumbo, que ofrece un cóctel de ruído ambiente introspectivo e letras líricas. Membro de Larsen, XXL e Blind Cave Salamander, as cancións de (r) falan de morte e transfiguracións, con texturas ambientais relaxadas, unha suave voz e unha guitarra sobre a que, pouco a pouco, vai construíndo un todo. Baixo este pseudónimo, Fabrizio Modonese ten asinados tres traballos discográficos –Under The Cables, Into The Wind e In Pink–, nos cales vai cambiando de ritmos pausados a outros extremos e introspectivos, para rematar cunha explosión de enerxía optimista.
Esta segunda edición do Festival Sinsal. Extensión Salón Teatro, que inauguraron o 31 de xaneiro os norteamericanos Matt Valentine & Erika Elder with The Golden Road e os galegos Igloo, chegará ao seu remate o vindeiro sábado 8 de marzo coa actuación de Baby Dee, coñecida como "a raíña do baixo Manhattan" nos anos noventa por percorrer durante anos as avenidas de Nova York co seu triciclo con arpa integrada. Cun directo sorprendente –nos seus shows adopta a personalidade dun hermafrodita artista circense– Dee compartirá cartel cos galegos O Fillo Pausado, a innovadora proposta do vigués Magú Castromil.
As entradas para asistir aos concertos en Santiago do Sinsal póñense á venda no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo de cada actuación. Tamén poden adquirise na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, coa redución correspondente ao adquirir o Bono Cidadanía e un desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.