AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O DITAME DO XURADO RECOÑECE TAMÉN A CALIDADE E TRAXECTORIA PROFESIONAL DA ACTRIZ E A SÚA PARTICIPACIÓN NA MEIRANDE PARTE DOS EVENTOS DO TEATRO INDEPENDENTE GALEGO

Luísa Merelas recibe o Premio Maruxa Villanueva de Interpretación polo seu traballo en 'O regreso ao deserto' do CDG

[22/02/2008] Luísa Merelas é a gañadora do VII Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, convocado polo Concello de Padrón e cunha dotación económica de 1.200 €. Así o decidiu onte por unanimidade o xurado deste galardón, que recoñece a actriz coruñesa como "muller de mulleres pola súa calidade e traxectoria profesional (...), por formar parte da meirande parte dos eventos do teatro independente e polo seu espectáculo do último ano O regreso ao deserto do Centro Dramático Galego".

O xurado, integrado por cinco representantes dos grupos políticos do Concello e por Inmaculada López Silva, Roberto Pascual Rodríguez e Carlos C. Biscaínho como especialistas en teatro, emitiu o seu ditame tras estudar as propostas respecto aos catro finalistas: ademais de Luísa Merelas, Ernesto Chao, María Barcala e Xosé Manuel Olveira "Pico".

Traxectoria

Actriz de teatro, cine e televisión, Luísa Merelas posúe unha recoñecida traxectoria profesional que principiou nos anos setenta xunto ás compañías Teatro Circo e Escola Dramática Galega. O monólogo Muller de mulleres, título ao que fai referencia o ditame do xurado, foi precisamente unha das súas primeiras actuacións remuneradas.

En O regreso ao deserto, espectáculo producido polo CDG na temporada 2006-2007 con dirección de Cristina Domínguez, Merelas interpretou un dos papeis protagonistas: Matilde, que tras 15 anos de exilio en Alxeria, regresa cos seus dous fillos á súa vila natal con intención de vingarse da súa familia e da sociedade burguesa e provinciana que a rodea por un pasado de agravios e inxustizas.

Esta montaxe supuxo a incorporación ao repertorio escénico galego da derradeira peza estreada en vida polo do dramaturgo francés Bernard-Marie Koltès (Metz, 1948-París, 1989), considerado como unha das máis salientables figuras da dramaturxia europea contemporánea.

Ademais de en O regreso ao deserto, Luísa Merelas ten traballado noutras sete producións do CDG -Caderno de Bitácora (1985), As tres irmás (1987), A casa dos afogados (1989), Valle-Inclán 98 (1998), Os vellos no deben de namorarse (1999), Espectros (2002) e Ricardo III (2005)- e en diferentes espectáculos de Teatro do Morcego, Teatro do Atlántico, Teatro da Salamántiga, EDG-Uvegá, Librescena, Espello Cóncavo, Ancora Produccións e a Companhia de Teatro de Braga.

Canto ao audiovisual, participou nos filmes O baile das ánimas (1993) de Pedro Carvajal, Entre bateas (2001) de Jorge Coira, Los lunes al sol (2001) de Fernando León, La promesa (2002) de Héctor Carré, e Heroína (2005) de Gerardo Herrero, e nas curtas Afonía (1996) de Chema Gagino e Onda (1997) de Antonio Jiménez. Tamén foi parte do elenco de Terras de Miranda (2002) e colaborou noutros espazos da TVG, como Vale-Vale (1988), Máis ozono (1989), A familia Pita (1996), Pratos combinados (1999), Mareas vivas (2000) e Pequeno Hotel (2001).


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal