[28/02/2008] O Salón Teatro acolle esta fin de semana (sábado 1 ás 20.30 horas e domingo 2 ás 18.00 horas) o debut en Galiza de PeriFeria, a primeira produción de Voadora como nova compañía escénica, resultado dun proxecto de colaboración entre o Centro Dramático Galego (CDG) e a Associação Cultural Recreativa de Tondela (ACERT), Portugal. Con dirección de escena e dramaturxia da actriz e produtora catalana Montse Triola, PeriFeria é o resultado dun proceso de creación colectiva a partir dos textos de Marta Freitas, Carlos Santiago, Manolo Cortés e do elenco de Voadora, integrado por Marta Pazos, José Díaz, Hugo Torres e Afonso Castro.
A montaxe -que foi presentada o pasado 8 de febreiro no auditorio Novo Ciclo, o espazo escénico que xestiona a ACERT- desenvolveu desde o pasado luns 25 os seus últimos ensaios en Santiago, con todos os medios dispoñibles no Salón Teatro e como parte do programa de residencias artísticas que ofrece o CDG.
UNHA REFLEXIÓN SOBRE O FRACASO
PeriFeria é a primeira entrega da triloxía escénica "Lugares Comúns", construída en torno tres discursos temáticos diferentes -o fracaso, o esquecemento e o paraíso- a través dunha dramaturxia que se apoia na linguaxe do teatro visual, o teatro textual, a música en directo e a performance.
A montaxe, interpretada en portugués, galego e castelán (as tres linguas nas que foron escritos os textos), propón unha reflexión sobre o fracaso empregando a festa como pretexto dramático. Este fracaso festexado en PeriFeria fai que os personaxes se comparen cos grandes derrotados da historia, rían dos mitos, se laien de non conseguir ser o que un día desexaron e crean nos soños, que magnificos en abstracto, fracasan cando se materializan.
O nome do espectáculo pretende chamar a atención sobre a importancia das pequenas cousas que forman parte da realidade cotidiana e, nese sentido, mostra ao público a periferia do teatro, o que habitualmente non ve. Así, sobre o escenario, o actor, a actriz, o técnico e o produtor da obra interactúan entre eles e co espazo, dando lugar a unha sucesión de imaxes e situacións escénicas que crean unha atmósfera chea de poesía e decadencia na que os intérpretes oscilan entre unha relación directa cos espectadores e unha realidade puramente teatral.
PLATAFORMA DE CREACIÓN LUSO-GALEGA
Con sede na cidade de Santiago de Compostela, a plataforna de creación Voadora xorde no verán de 2007 da vontade de potenciar a creación artística e o intercambio cultural entre creadores da área lusófona. A compañía pretende crear en cada proxecto un espazo activo de traballo, onde os artistas poidan crear, investigar, reflexionar e debater sobre temas de carácter universal buscando nexos comúns xeneracionais, estéticos, emocionais e artísticos, avogando por un achegamento –ao que eles se refiren como "so far so close"- entre Galiza e Portugal.
Voadora acolle propostas que utilizan a multidisciplinaridade de linguaxes e conxugan as diferentes sensibilidades da paisaxe escénica actual. O equipo formado por mozos creadores de diferentes disciplinas artísticas traballa na xestación de proxectos escénicos baseados na experimentación, o xogo e a busca de novas linguaxes.
A asunción de distintas responsabilidades artísticas, ademais da interpretación, dentro dos seus espectáculos, é outra das notas características deste colectivo. De feito, en PeriFeria, Marta Pazos encargouse tamén do espazo escénico, Afonso Castro deseñou a iluminación e a música é de Hugo Torres e José Díaz. Como colaboracións externas, Fanybell firmou o estilismo e Ilda Teixeira exerceu de axudante de dirección.
As entradas para asistir as funcións de PeriFeria poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo de cada representación. Tamén poden adquirise na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.