[28/03/2008] O Centro Dramático Galego (CDG) organiza esta fin de semana en Santiago un xogo de rol como actividade complemetaria ás funcións para público familiar da súa produción Valdemuller, que se desenvolven sábado e domingo no Salón Teatro. O xogo, que leva por título O misterio de Valdemuller dará comezo ás 16.45 horas, durará uns 60 minutos e nel poderán participar nenos e nenas a partir de 8 anos mediante a súa inscrición ao mercar a entrada ao espectáculo.
Baixo o lema ‘O Salón Teatro xoga’, a iniciativa, que se repetirá cada fin de semana até o 20 abril, pretende implicar nas artes escénicas dun xeito novidoso e divertido aos rapaces. O xogo parte da idea de que, aínda que se sabe que existe, ninguén estivo nunca en Valdemuller, ninguén coñece as súas rúas e a súa veciñanza, ninguén sabe como son as súas casas, o seu cheiro ou a súa cor. Trátase de descubrir este misterio. Divididos en grupos, os xogadores terán que seguir os sinais e rastrexar polo chan e paredes das rúas e do propio teatro, na pescuda de Valdemuller. As pistas xirarán tanto arredor da lectura -diante a resolución de criptogramas-, como de probas de equipo (algunhas relacionadas con elementos escénicos: maquillaxe, canto, descubrimento corporal...). O xogo remata no patio de butacas, coa posta en escena da propia obra, que dará comezo ás 18:00 horas
As representacións de Valdemuller amosarán sobre o escenario o resultado do traballo de teatro de obxectos que dirixiu o arxentino Pablo Vergne, segundo unha creación colectiva realizada a partir da novela de Xosé A. Neira Cruz. Especialmente pensada para público infantil e xuvenil, a montaxe, que conta coa manipulación de 17 bonecos a cargo das actrices Alba Grande, Manuela Varela, Montse Piñón e Raquel Queizás, narra a viaxe iniciática dunha nena de quince anos polos segredos da súa familia.
As entradas poranse á venda no Salón Teatro dende as 16:00 horas. Tamén poden a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para menores de 12 anos e demais colectivos habituais) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.