AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O ESPECTÁCULO REGRESARÁ AOS ESCENARIOS CO NOVO CURSO

O Centro Dramático Galego edita a guía didáctica de 'A Cabana de Babaiagá'

[20/06/2006] O CDG vén de editar a guía didáctica do seu espectáculo de música e narración oral A cabana de Babaiagá, co que pechou un primeiro período de representacións dentro da campaña escolar, dirixida a nenas e nenos de entre 6 e 11 anos, que retomará á volta das vacacións estivais.

Obra de Nate Borrajo, con ilustracións de Pablo Otero, esta publicación recolle tanto os textos narrados e interpretados na montaxe pola súa directora, Paula Carballeira, como unha serie de exercicios prácticos que os mestres poden realizar cos seus alumnos antes e despois de asistir ás funcións de A cabana de Babaiagá. Neles propóñense, por exemplo, xogos que teñen que ver coa transmisión oral da nosa cultura, coa danza e coa música que soa neste espectáculo.

O obxectivo desta guía é espertar a sensibilidade destes novos espectadores polas artes escénicas e musicais, ademais de favorecer o uso dos sentidos e o desenvolvemento das súas capacidades lingüísticas. Incídese, así mesmo, no fomento do coñecemento da cultura propia e no respecto polas doutros países, neste caso pola tradición rusa da que xorde o conto popular que inspirou este espectáculo do Centro Dramático Galego.

Novas funcións en outubro

Máis de 8.000 nenas e nenos asistiron ás representación de A cabana de Babaiagá dentro da primeira parte da súa campaña escolar, que se desenvolveu entre marzo e maio en seis escenarios galegos (Ferrol, Ribadeo, Muros, Santiago, Oleiros e Viveiro). Tralas vacacións do verán, o espectáculo volverá a escena cunha nova serie de representacións a partir de outubro.

A cabana de Babaiagá fálanos doutras terras, doutros costumes e de como a valentía e a loita por rachar límites e por se introducir no terreo do descoñecido ten a súa recompensa nunha aprendizaxe que permite coñecérmonos un pouco máis. O misterio, o humor e a aventura son algúns dos atractivos deste conto, no que Paula Carballeira interpreta dous personaxes –a rapaza Natasha e a bruxa Babaiagá– acompañada sobre o escenario polos músicos Alfredo Gómez (clarinete), Alexandre Lugo (viola), Yuri Sdar (baixo acústico), Manolo Vázquez (frautas, gaita, xilófono e percusión) e Vadzim Yujnevich (baian), que ofrecen unha selección de pezas musicais de compositores do leste europeo para recrear unha atmosfera evocadora que intenta levar aos espectadores até a estepa rusa, algunhas tan coñecidas como "O vó do moscardo", de Nicolai Rimski Korsakov, ou "Unha noite no monte pelado", de Mussorgski.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal