AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O AUDITORIO MUNICIPAL OFRECE DÚAS FUNCIÓNS DO ESPECTÁCULO DIRIXIDO POR DANI SALGADO A PARTIR DO PROXECTO DE ESCRITA CONXUNTA DE JACOBO PAZ, VANESA SOTELO E RUBÉN RUIBAL

O Centro Dramático Galego continúa a xira do espectáculo 'Estigma' en Narón

[27/05/2008] O Auditorio Muncipal de Narón acolle o venres 30 e o sábado 31 de maio dúas funcións de Estigma, espectáculo resultado do proxecto de dramaturxia residente no Centro Dramático Galego (CDG) DramA3, iniciado no verán de 2007 como exercicio de escritura a tres bandas a cargo dos autores Jacobo Paz, Vanesa Sotelo e Rubén Ruibal, último Premio Nacional de Literatura Dramática.

estigma

Con Estigma, o CDG culmina o seu plan de produción propia para a actual temporada 2007-2008 e faino coa aposta por un espectáculo en clave de suspense no que participan creadores e intérpretes novos, pertencentes na súa meirande parte á xeración dos 70 e incorporados ao sistema teatral galego.

Dani Salgado, coordinador do proceso de construción literaria, asume tamén a dirección escénica de Estigma, en tanto que Xabier Deive, Xosé Manuel Esperante, Clara Gayo, Vicente de Souza e María Tasende conforman o elenco actoral. Outros membros do equipo artístico que traballan na montaxe do espectáculo son Joan Galí (deseño de espazo escénico, vestiario e atrezzo), Baltasar Patiño (deseño de iluminación), Dolores Centeno (maquillaxe), Alex Rademakers e Francesc Sitges (audiovisual e espazo sonoro) ou Andreu Raich (axudante de dirección e movemento escénico).

Asemade, cómpre destacar a participación neste proxecto tanto de dramaturgos como actores e actrices novos que, pertencentes a maioría deles á xeneración dos 70, pretenden reivindicar con este espectáculo o novo teatro galego.

Morte, terra e memoria

Morte, terra e memoria son os elementos que guían esta nova proposta narrada en clave de suspense, un xénero pouco colleitado no ámbito do teatro. A obra, que contén imaxes poderosas, traslada un percorrido inquietante e unha visión pouco optimista respecto ao ser humano.

Cada un dos dramaturgos escribiu un acto, compartindo historia, espazo e personaxes, de tal forma que o obra contén tres visións difentes segundo a mirada de cada autor - aínda que coherentes.

A trama sitúase na illa de Estigma, un lugar case deserto no que, trala erupción dun volcán, unha muller acabada de chegar investiga unha masacre, dous irmáns afrontan o destino que levan marcado na pel, a desconfianza aniña no seo dunha parella e do remoto continente chega un descoñecido.

Venda de entradas

Estigma ofrecerá en Narón un total de dúas funcións: o venres 30 ás 20.30 horas e o sábado 31 ás 20.00. As localidades, ao prezo de 8 € e 4 € (para os menores de 14 anos e usuarios do carné xoven e de estudante), poden adquirirse nas nas oficinas do Auditorio omañá xoves e o venres 30 en horario de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.30 horas e no despacho de billetes os días da función unha hora antes do comezo.

O CDG prosegue en Narón a xira galega con este espectáculo que se prolongará até o mes de xullo e durante a cal será escenificado ademais nas localidades de O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 6 de xuño), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 13 e 14 de xuño), Ribadeo (Auditorio Municipal, 20 de xuño), Ferrol (Teatro Jofre, 22 de xuño), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 27 de xuño), A Coruña (Teatro Colón, 2 e 3 de xullo). A compañía institucional tamén levará a obra á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (20 de xullo). A devandita xira está cofinanciada pola Fundación Caixa Galicia, en virtude dun convenio asinado co IGAEM por valor de 300.000 euros.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal