AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

AS FUNCIÓNS TERÁN LUGAR VENRES 13 ÁS 20:30 E SÁBADO 14 ÁS 22:00 HORAS

O CDG leva 'Estigma' ao Centro Cultural Caixanova de Vigo

[11/06/2008] O Centro Cultural Caixanova de Vigo acolle esta fin de semana (venres 13 ás 20:30 e sábado 14 ás 22:30 horas) dúas funcións do espectáculo Estigma, resultado do proxecto de dramaturxia residente no Centro Dramático Galego (CDG) DramA3, iniciado no verán de 2007 como exercicio de escritura a tres bandas a cargo dos autores Jacobo Paz, Vanesa Sotelo e Rubén Ruibal, último Premio Nacional de Literatura Dramática.

Imaxe de Estigma

Con Estigma, o CDG culmina o seu plan de produción propia para a actual temporada 2007-2008 e faino coa aposta por un espectáculo en clave de suspense no que participan creadores e intérpretes novos, pertencentes na súa meirande parte á xeración dos 70 e incorporados ao sistema teatral galego.

Dani Salgado, coordinador do proceso de construción literaria, asume tamén a dirección escénica de Estigma, en tanto que Xabier Deive, Xosé Manuel Esperante, Clara Gayo, Vicente de Souza e María Tasende conforman o elenco actoral. Outros membros do equipo artístico que traballan na montaxe do espectáculo son Joan Galí (deseño de espazo escénico, vestiario e atrezzo), Baltasar Patiño (deseño de iluminación), Dolores Centeno (maquillaxe), Alex Rademakers e Francesc Sitges (audiovisual e espazo sonoro) ou Andreu Raich (axudante de dirección e movemento escénico).

Morte, terra e memoria

Morte, terra e memoria son os elementos que guían esta nova proposta narrada en clave de suspense, un xénero pouco colleitado no ámbito do teatro. A obra, que contén imaxes poderosas, traslada un percorrido inquietante e unha visión pouco optimista respecto ao ser humano.

Cada un dos dramaturgos escribiu un acto, compartindo historia, espazo e personaxes, de tal forma que o obra contén tres visións difentes segundo a mirada de cada autor - aínda que coherentes.

A trama sitúase na illa de Estigma, un lugar case deserto no que, trala erupción dun volcán, unha muller acabada de chegar investiga unha masacre, dous irmáns afrontan o destino que levan marcado na pel, a desconfianza aniña no seo dunha parella e do remoto continente chega un descoñecido.

Venda de entradas

As entradas, con prezos comprendidos entre 7,20 e 12 euros están xa á venda na páxina web www.caixanova.es ou a través do teléfono 902 504 500. Tamén poderán adquirirse na billeteira do Centro Cultural, os mesmos días das representacións en horario de 11.00 a 14.00 horas e a partir das 18.00 horas.

O CDG prosegue en Vigo a xira galega con este espectáculo que se prolongará até o mes de xullo e durante a cal será escenificado ademais nas localidades Ribadeo (Auditorio Municipal, 20 de xuño), Ferrol (Teatro Jofre, 22 de xuño), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 27 de xuño) e A Coruña (Teatro Colón, 2 e 3 de xullo). A compañía institucional tamén levará a obra á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (20 de xullo).


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal