AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ABE RÁBADE, GUADI GALEGO E UGÍA PEDREIRA UNEN OS SEUS TALENTOS PARA MODELAR O REPERTORIO MARIÑEIRO DO NORTE NO RECITAL QUE OFRECERÁN O 20 DE XUÑO ÁS 22.00 H

Continúa o Ciclo Novas Músicas no Salón Teatro cun concerto de Nordestin@s

[18/06/2008] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle este venres 20 de xuño un concerto a cargo do grupo Nordestin@s, co que continúa o Ciclo Novas Músicas. O recital, que dará comezo ás 22.00 horas, é unha ollada contemporánea á tradición mariñeira de tres dos músicos máis relevantes do panorama galego actual: Abe Rábade, Guadi Galego (Berrogüetto, Espido) e Ugía Pedreira (Chouteira, Marful).

nordestin@s

En Nordestin@s, as voces de Guadi Galego e Ugía Pedreira modelan o repertorio mariñeiro, achegándose á súa infancia, á música popular que lle transmitiron os seus pais, xuntándoa coas súas propias composicións que tamén miran ao mar do Norte. Trátase de cancións que ulen a mar e a taberna, que falan de lendas, de mulleres e de sereas, trasmitidas por xeracións grazas á tradición da cultura oral. Todo vai envolto coas harmonías contemporáneas, a elegancia e o talento dun dos mellores músicos de jazz da península, o lucense Abe Rábade. E no escenario, un piano de cola, dúas mulleres con medias de rede, e unha escolleira, escenografía do artista mindoniense Caxigueiro (Daniel Ró Rubal, formado na cerámica en Sargadelos), recreando os peiraos do Norte.

Gravado en directo no Teatro Principal de Santiago, o disco Nordestin@s colocouse no mes do seu lanzamento entre os 100 máis vendidos do Estado. Ademais, o album recibiu o VI Premio Opinión de Música Folk, un dos máis importantes certames de música galega.

O Ciclo Novas Músicas iniciouse o pasado venres co recital de Fran Pérez xunto a Manecas Costa e chegará ao seu remate o vindeiro día 27 coa actuación da galega Carmen Dor e os seus ritmos de tango, funky e bolero con texturas jazzísticas. As entradas para estes dous últimos concertos están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada actuación. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal