AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

AS FUNCIÓNS CELÉBRANSE OS DÍAS 2 E 3 DE XULLO ÁS 20.30 HORAS

O CDG chega ao Teatro Colón da Coruña co seu espectáculo "Estigma"

[30/06/2008] O Teatro Colón Caixa Galicia da Coruña acolle esta semana dúas funcións de Estigma, espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) que xurdiu do proxecto de dramaturxia residente DramA3, iniciado no verán de 2007 como exercicio de escritura a tres bandas a cargo de Jacobo Paz, Vanesa Sotelo e Rubén Ruibal, último Premio Nacional de Literatura Dramática. As representacións da Coruña, que terán lugar os días 2 e 3 de xullo ás 20.30 horas, insírense dentro da xira galega que a compañía pública está a desenvolver por diferentes escenarios galegos en colaboración coa Fundación Caixa Galicia.

Estigma

Con Estigma, o CDG culmina o seu plan de produción propia para a actual temporada 2007-2008 apostando por un espectáculo en clave de suspense no que participan creadores e intérpretes novos, pertencentes na súa meirande parte á xeración dos setenta e incorporados ao sistema teatral galego.

Dani Salgado, coordinador do proceso de construción literaria, asumiu tamén a dirección escénica desta proposta, en tanto que Xabier Deive, Xosé Manuel Esperante, Clara Gayo, Vicente de Souza e María Tasende conforman o elenco actoral. Outros membros do equipo artístico que traballaron na montaxe do espectáculo son Joan Galí (deseño de espazo escénico, vestiario e atrezzo), Baltasar Patiño (deseño de iluminación), Dolores Centeno (maquillaxe), Alex Rademakers e Francesc Sitges (audiovisual e espazo sonoro) ou Andreu Raich (axudante de dirección e movemento escénico).

Morte, terra e memoria

Morte, terra e memoria son os elementos que guían o espectáculo narrado en clave de suspense, un xénero pouco colleitado no ámbito do teatro. A obra, que contén imaxes poderosas, traslada un percorrido inquietante e unha visión pouco optimista respecto ao ser humano.

Cada un dos dramaturgos escribiu un acto, compartindo historia, espazo e personaxes, de tal forma que o obra contén tres visións difentes segundo a mirada de cada autor - aínda que coherentes.

A trama sitúase na illa de Estigma, un lugar case deserto no que, trala erupción dun volcán, unha muller acabada de chegar investiga unha masacre, dous irmáns afrontan o destino que levan marcado na pel, a desconfianza aniña no seo dunha parella e do remoto continente chega un descoñecido.

Venda de entradas

As entradas para asistir as funcións dos días 2 e 3 de xullo na Coruña poden adquirirse de forma anticipada a través do teléfono 902 43 44 43 ou a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es. Igualmente, estarán á venda no despacho de billetes do Teatro Colón desde mañá martes, en horario de 12.00 a 14.00 e a partir das 18.00 horas. O prezo das localidades e de 8 (platea), 7 e 6 (palcos) e 5 (principal).

Tras estas funcións, a compañía institucional presentará este espectáculo á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (20 de xullo, ás 23.00 horas no Auditorio do Castelo), onde rematará xira que discorreu, ademais, polas localidades galegas de Tui, Narón, O Barco de Valdeorras, Vigo, Ribadeo, Ferrol e Vilagarcía de Arousa. A devandita xira estivo cofinanciada pola Fundación Caixa Galicia, en virtude dun convenio por valor de 300.000 euros.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal