AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A VERSIÓN DA OBRA DE SHAKESPEARE ASINADA E DIRIXIDA POR QUICO CADAVAL EXHIBIRASE DO 21 AO 25 DE XULLO ÁS 21.30 HORAS (AGÁS O XOVES 24, ÁS 21.00 H)

O Centro Dramático Galego repón 'Noite de Reis' no Salón Teatro de Santiago

[17/07/2008] O Centro Dramático Galego (CDG) reporá a semana que vén no Salón Teatro de Santiago a súa primeira produción da temporada, Noite de Reis. Ou o que queirades, coa que acadou un éxito con escasos precedentes na escena galega. As funcións desta versión da comedia de Shakespeare asinada e dirixida por Quico Cadaval desenvolveranse do 21 ao 25 de xullo ás 21.30 horas (agás o xoves 24, ás 21.00 h) neste escenario compostelán, no que o espectáculo xa foi representado o ano pasado colgando o cartel de non hai billetes en repetidas ocasións.

Noite de Reis

As cifras de público confirman o grao de expectación suscitado por Noite de Reis durante a súa pasada xira por diferentes escenarios galegos, cun balance final de 14.984 espectadores. Este éxito quedou reflectido igualmente en galardóns como os Premios María Casares 2007 ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección, Mellor Actor Secundario (Xan Cejudo), Mellor Escenografía (Baltasar Patiño) e Mellor Vestiario (Gilda Bonpresa); co Premio do Público no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, e co Premio á Mellor Obra Teatral 2007 do semanario Santiago Siete, concedido a partir dunha enquisa realizada entre os seus lectores.

Regreso aos escenarios

O equipo artístico e técnico que participara na primeira montaxe de Noite de Reis volveu reunirse para preparar este regreso aos escenarios, no que se insiren así mesmo as representación ofrecidas o pasado día 4 no Teatro Circo de Braga e do 11 ao 13 de xullo no Festival de Teatro Clásico de Almagro, onde o CDG recibiu unha entusiasta acollida por parte do público e da crítica acreditada, completando o aforo da Casa de los Miradores durante toda a fin de semana.

Rebeca Montero, María Bouzas, Xosé Manuel Olveira Pico, Marcos Orsi, Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrin e os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio conforman o elenco interpretativo desta comedia de ambientación mediterránea, que combina un divertido xogo de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos con apaixonantes historias de amor e desamor.

Prestaron tamén a súa colaboración artística para a posta en escena Baltasar Patiño (escenografía e deseño de iluminación), Gilda Bonpresa (vestiario), Bernardo Martínez (espazo sonoro e dirección musical) e Dolores Centeno (maquillaxe). Como axudante de dirección exerceron Marta Lago e Rebeca Montero.

Comedia sobre as tolemias do amor

Noite de Reis foi unha das primeiras obras de Shakespeare, que se presume foi escrita entre 1599 e finais de 1601. Representouse ao comezo da Restauración, mais non se imprimiu ata a súa inclusión no First Folio en 1623.

Nesta comedia sobre o amor e as tolemias e baballadas que este nos leva a facer, a acción comeza cando Sebastián e Violeta, irmáns xemelgos, naufragan ante a costa de Ilíria. Violeta consegue chegar case sen vida á praia. Ela cre que Sebastián morreu. Vestida de home e facéndose pasar por un paxe novo co nome de Cesario, pasa a servir na corte do duque Orsino que está "poética, apaixonada e desesperadamente namorado" da aflixida Lady Olivia, que o rexeita continuamente. Orsino utiliza a Cesario como confidente e como mensaxeiro para declararlle o seu amor a Olivia, pero Cesario -Violeta, en realidade- comeza a namorarse de Orsino mentres que Olivia, pola súa banda, se namora do mensaxeiro, que é Cesario. Namentres, Malvolio, servidor de Olivia, perseguirá o amor da súa ama e, a causa dunha confusión amañada, crerase correspondido, producíndose unha serie de situacións hilarantes que o levaran case a entolecer. Ao mesmo tempo, Antonio, capitán de barco, conseguiu rescatar do mar a Sebastián. Ambos desembarcan en Ilíria. A presenza de Sebastián na cidade será o comezo do fin do enredo.

Venda de entradas

As entradas para asistir ás función da vindeira semana en Compostela están xa dispoñibles na billeteira electrónica, a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Os días de función tamén estarán á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 , cun desconto do 40% para estudantes, usuarios de carné xoven e maiores de 65 anos.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal