AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

OS ESPECTÁCULOS DA TEMPORADA 2007-2008 -'NOITE DE REIS. OU O QUE QUEIRADES', 'VALDEMULLER' E 'ESTIGMA'- SUMARON UN TOTAL DE 139 FUNCIÓNS DENTRO E FÓRA DE GALICIA

Máis de 30.100 espectadores asistiron ás tres últimas producións do CDG

[01/08/2008] O Centro Dramático Galego (CDG) conclúe a súa temporada 2007-2008 confirmando o apoio do público á súa actividade de produción propia, que congregou un total de 30.142 espectadores nos seus tres últimos espectáculos: Noite de Reis. Ou o que queirades, Valdemuller e Estigma. A compañía pública ofreceu 139 funcións destas montaxes en diferentes escenarios dentro e fóra de Galicia, visitando destacados encontros escénicos como o Festival de Teatro Clásico de Almagro, o Festival Fazer a Festa de Porto e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

Noite de Reis

Esta importante resposta por parte do público trasladouse igualmente á programación do Salón Teatro de Santiago, espazo xestionado polo CDG, polo que pasaron un total de 11.815 espectadores para asistir ás 95 funcións ofrecidas neste mesmo período por 31 formacións artísticas.

Localidades esgotadas

Noite de Reis. Ou o que queirades, a versión da comedia de Shakespeare asinada e dirixida por Quico Cadaval, inaugurou e pechou a temporada coa súa estrea o 28 de setembro no Salón Teatro e a súa reposición a pasada semana neste mesmo escenario. En ambos os casos, foi necesario colgar o cartel de "localidades esgotadas" en diferentes ocasións. En total, 17.686 persoas gozaron desta obra de ambientación mediterránea nas 48 funcións ofrecidas en 12 localidades galegas, ademais de nas catro representacións que protagonizou fóra de Galicia: unha no Teatro Circo de Braga (Portugal) e tres no Festival de Teatro Clásico de Almagro.

O éxito deste espectáculo quedou reflectido, así mesmo, en galardóns como os Premios María Casares 2007 ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección, Mellor Actor Secundario (Xan Cejudo), Mellor Escenografía (Baltasar Patiño) e Mellor Vestiario (Gilda Bonpresa); co Premio do Público no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, e co Premio á Mellor Obra Teatral 2007 do semanario Santiago Siete, concedido a partir dunha enquisa realizada entre os seus lectores.

Na súa segunda produción da temporada, Valdemuller, o CDG apostou polo teatro de obxectos a través dunha montaxe especialmente pensada para o público infantil e xuvenil. O arxentino Pablo Vergne dirixiu este espectáculo, segundo a creación colectiva realizada a partir da novela de Xosé A. Neira Cruz, que congregou un total de 7.958 espectadores nas 59 funcións desenvolvidas durante tres meses.

A boa acollida desta proposta levou ao Centro Dramático Galego a ampliar a xira inicialmente prevista, de xeito que -despois da súa estrea no Teatro Principal de Ourense o 15 de febreiro- Valdemuller foi presentada en 13 escenarios, incluíndo o Teatro Escalante de Valencia (espazo escénico especializado en programación infantil e xuvenil) e o Teatro Arte Imagem de Porto no marco do Festival Fazer a Festa.

Dramaturxia residente

O CDG concluía o seu plan de produción 2007-2008 coa estrea o pasado 2 de maio no Salón Teatro de Estigma, resultado do proxecto de dramaturxia residente DramA3 no que interviñeron Jacobo Paz, Vanesa Sotelo e Rubén Ruibal, último Premio Nacional de Literatura Dramática. Dani Salgado, coordinador do proceso de construción literaria, asumiu tamén a dirección desta montaxe en clave de suspense.

Despois de ofrecer 13 funcións en Compostela cun total de 1.476 asistentes, a montaxe iniciou o seu período de exhibición fóra do Salón Teatro percorrendo nove escenarios galegos. Esta xira finalizou o pasado 20 de xullo na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, despois de 13 representacións ás que asistiron un total de 3.022 espectadores.

Ademais de producir estes tres espectáculos, nesta temporada o CDG continuou co sistema de coprodución con empresas privadas, no marco do que Diego Anido realizou Cascuda. Estreada en maio na Sala Nasa, trátase dunha peza de creación de personaxes e atmosferas baseada na difusa fronteira que separa a tolemia da cordura.

Carteleira galega no Salón Teatro

Canto á carteleira do Salón Teatro, na súa temporada 2007-2008 tiveron cabida as artes escénicas e a música, cun total de 95 funcións desenvolvidas por 31 formacións e intérpretes.

A programación comezou e rematou con teatro, o gran protagonista canto a número de espectadores e funcións: 2.295 persoas gozaron das 21 funcións ofrecidas por compañías galegas como Berrobambán, que estreou a produción infantil Boas noites, Teatro do Atlántico con A bombilla máxica, Ancora Produccións con Medidas preventivas, ou Teatro de Ningures con Bailadela da morte ditosa. Este escenario acolleu tamén a reposición de Kamikaze, coprodución de Pistacatro e o CDG, tralo éxito da súa estrea en xuño de 2007; ademais do debut galego da nova compañía escénica Voadora con PeriFeria, a súa primeira produción.

Canto aos espectáculos chegados de fóra de Galicia, o Salón Teatro presentou a peza brasileira Seagull Play (A Gaivota), cunha posta en escena experimental baixo a dirección de Enrique Díaz; El agresor, unha montaxe alternativa de A Factoría Escénica Internacional (FEI) con dirección de Carme Portaceli; e Adosa@dos, proposta de Uróc Teatro protagonizada por Juan Margayo e Petra Martínez.

O teatro non profesional tivo tamén o seu espazo nesta carteleira coa Mostra de Teatro Universitario celebrada no mes de maio, ao tempo que os espectadores máis novos foron os protagonistas da Mostra de Teatro Infantil de Nadal, que durante catro días congregou 754 persoas.

Danza e música

A programación dedicada á danza ofreceu seis funcións, seguidas por un total de 449 espectadores. Este cartel iniciábase a finais de decembro con Malgré nous, nous ètions là (A pesar de nós, estabamos alá), o último espectáculo da Compañía de Paulo Ribeiro que ofreceu no Salón Teatro as únicas dúas funcións celebradas en Galicia. Igualmente, a compañía catalá Mudances presentábase por vez primeira vez nun escenario galego con Larandland, dirixido por Àngels Margarit.

Ademais, a Compañía Daniel Abreu exhibiu o espectáculo Negro, en coprodución co Centro Coreográfico Galego, mentres que Diego Anido realizou neste espazo a residencia artística para Cascuda, da que ofreceu dous ensaios abertos ao público.

Canto ao apartado de música, o Salón Teatro foi escenario por segundo ano consecutivo da Extensión do Festival Sinsal. Un total de 323 espectadores acudiron aos tres concertos que ofreceron influentes grupos dentro do panorama das músicas contemporáneas: Matt Valentine & Erika Elder, acompañados dos galegos Igloo; o norteamericano Michael Gira e o italiano (r) -nome artístico de Fabrizio Modonese Palumbo-, e a americana Baby Dee precedida do grupo galego O Fillo Pausado.

Unha homenaxe ao compositor vigués Enrique X. Macías no 50 aniversario do seu nacemento, a cargo da formación portuguesa Sond’Ar-te Electric Ensemble, e o Ciclo Novas Músicas (coas actuacións de Fran Pérez e Manecas Costa, Nordestin@s e Carmen Dor) puxeron fin á programación dedicada á música actual.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal