AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A CONMEMORACIÓN DOS 25 ANOS DE FUNCIONAMENTO DO CENTRO DRAMÁTICO GALAEGO CELEBRARASE ESPECIALMENTE NO PRIMEIRO SEMESTRE DE 2009 BAIXO O LEMA "PARTE DE TI"

O CDG inicia a temporada do seu 25 aniversario coa aposta pola escrita dramática e as coproducións multidisciplinares

[19/09/2008] O Centro Dramático Galego (CDG) enfronta a súa nova temporada teatral 2008-2009 coa montaxe de dúas producións propias de gran formato, outros catro espectáculos en réxime de coprodución con grupos galegos privados e co Centro Cultural Vila Flor portugués, o mantemento dunha intensa e variada programación do Salón Teatro e a potenciación da actividade do seu Centro de Creación Dramática Contemporánea. Estes son os eixos fundamentais que centrarán o traballo do CDG para a temporada que se estenderá até xullo de 2009 e na que, baixo o lema "Parte de ti", se conmemorará ademais o 25 aniversario do nacemento en marzo de 1984 da única compañía institucional de teatro de Galicia.

portada dosier temporada 08-09

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou este mediodía xunto á directora do CDG, Cristina Domínguez Dapena, a planificación do CDG para os vindeiros meses, nun acto celebrado no Salón Teatro do Santiago ao que asistiron profesionais da escena galega e gran parte do equipo artístico que se encargará de materializar cada un dos proxectos enumerados, entre os que se atopan nomes como Nuno Cardoso, Manuel Lourenzo, Quico Cadaval, Carlos Neira, Iván Marcos, Ezra Moreno ou Marcos Carballido.

Maiores elencos

No labor de produción propia, a compañía pública inaugura este novo curso teatral cunha concepción distinta: en lugar das tradicionais tres producións levaranse a cabo dúas, máis ambiciosas e con amplos elencos. Así, o primeiro dos espectáculos que verá a luz será A boa persoa de Sezuán, unha proposta que dirixe Nuno Cardoso, un dos responsables do bo momento que atravesa a creación dramática contemporánea en Portugal. A interpretación corre a cargo de doce actores e actrices galegos: Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Fran Salgado, Toni Salgado e Hugo Torres. A obra estrearase o día 24 de outubro no Salón Teatro.

O 14 de marzo de 2009 será a quenda de As Dunas, o texto de dramaturxia residente que está na actualidade a escribir Manuel Lourenzo -recente Premio Nacional da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas- e que dirixirá Quico Cadaval. O obra, ideada como un cabaré sobre o paraíso perdido, é unha viaxe pola mariña luguesa.

Coproducións con novas linguaxes escénicas

O CDG incidirá igualmente na súa aposta por novas linguaxes escénicas coa coprodución de catro espectáculos, tres en Galicia e un en Portugal. Ao primeiro apartado corresponden proxectos multidisciplinares levados a cabo por novas figuras da escena galega. Con este sistema, preténdese apoiar aquelas iniciativas artísticas que non teñen actualmente unha gran saída comercial, mais conteñen unha proposta creativa e de investigación de alto nivel.

Rúa Aire, da compañía O Retrete de Dorian Gray, será a primeira montaxe escénica en réxime de coprodución para esta temporada, cuxa estrea está prevista para os días 29 e 30 de marzo de 2009 no Teatro Villa de Molina (Molina de Segura, Murcia). Dirixida, creada e interpretado por Marcos PTT Carballido e Ezra Moreno, este espectáculo para público familiar ten como finalidade afondar no mundo do teatro visual, físico e de manipulación de globos. Os días 17, 18 e 19 de abril, o bailarín e actor Iván Marcos presentará no Salón Teatro a súa proposta escénica Eco, onde explora os procedementos de construción e deconstrución das identidades individuais. Finalmente, a compañía Nut Teatro estreará en maio Wake Up, un espectáculo en diálogo estreito coas novas tecnoloxías que reflexiona sobre o concepto de intimidade mediante o uso de novas teatralidades contemporáneas.

Ademais, buscando dar pulo aos dramaturgos galegos, o CDG coproducirá o espectáculo Delimvois escrito por Rubén Ruibal -último Premio Nacional de Literatura Dramática- en colaboración co Teatro Oficina no Centro Cultural Vila Flor de Guimarães. Coa presentación no Salón Teatro os días 23 e 24 de maio, a compañía institucional galega avanza na necesaria ponte para a relación co teatro portugués.

Obradoiros de creación

O Centro de Creación Dramática Contemporánea seguirá a impulsar a dramaturxia galega a través do intercambio de coñecementos e experiencias, do fomento de proxectos de investigación en novas linguaxes escénicas que teñan en conta a utilización das novas tecnoloxías como elemento central, e do achegamento a outras disciplinas artísticas.

As actividades deste Centro darán comezo no mes de novembro coa terceira edición do curso Pistas para unha dramaturxia da actualidade, que dirixirá unha vez máis Cándido Pazó. Ao longo de seis meses, durante os cales impartiranse catro obradoiros a través dos que se identificarán e estudarán os múltiples temas que poden definir a actualidade, rastrexando e traballando os distintos enfoques, estratexias e camiños dramatúrxicos para abordalos.

O segundo dos cursos previstos versará sobre a relación entre dramaturxia, coreografía e linguaxes de comunicación audiovisual interactiva. Leva por título A escena aumentada: Galicia (2ª parte) e é un laboratorio de I+D+i dirixido por Rosa Sánchez e Alain Baumann, de Kònic Thtr. Está deseñado como unha experiencia que combina a instalación e a performance, e busca a relación entre movemento, palabra, vídeo, son e datos dixitais xestionados en escena a tempo real.

O Centro de Creación Dramática do CDG abrirá ademais unha liña de colaboración mediante residencias de teatro e artes escénicas co obxectivo de prestar un apoio continuado aos creadores na súa exploración de novas linguaxes dramáticas, tanto textuais como xestuais.

Servizos á cidadanía

Como referente escénico do país, a compañía pública incentivará o achegamento á actividade escénica mediante a posta a disposición de servizos dirixidos a reforzar a súa relación con toda a cidadanía: espectadores, afeccionados e profesionais do teatro. Inclúense neste apartado procedementos para o préstamo de atrezzo do fondo dispoñible de producións anteriores, o servizo de asesoramento profesional, as visitas guiadas -individuais e para grupos- ás dependencias do Salón Teatro, as xornadas de traballo técnico que permiten o acceso aos procesos de montaxe e desmontaxe de espectáculos, así como as xornadas pegadóxicas para iniciarse no mundo teatral.

Pola súa banda, a rede de distribución Espazos CDG, da que forman parte, ademais do Salón Teatro, diferentes escenarios da Coruña, Ribadeo, Burela, Ferrol, Narón, O Barco de Valdeorras, Ourense, Pontevedra,Tui, Vilagarcía e Vigo, consolídase baixo a premisa de facer que o teatro esta cada vez máis próximo aos espectadores.

Salón Teatro

Canto á carteleira do Salón Teatro, o escenario sede do CDG ofrecerá dous ciclos de programación (o de Outono até finais de decembro e o de Inverno-Primavera a partir de xaneiro). Animales artificiales, o último espectáculo de Matarile Teatro, abrirá o calendario de representacións con catro funcións do 25 ao 28 de setembro.

A continuación, o Salón Teatro acollerá o espectáculo infantil Game over, da compañía Teatro Cachuzo; a produción de Lagarta Lagarta Aeroplanos; o proxecto de escena interactiva Nou I_D de Kónic Thtr; El año de Ricardo, da compañía madrileña Atra Bilis, a Teatro do Atlántico con Unha primavera para Aldara; e a Mostra de Teatro Infantil de Nadal, dentro da que se exhibirán cinco espectáculos: Babiliglub, de Galitoon; Diz que diz, dos portugueses Teatro do Frío; Ringorrango, de Pistacatro; La ciudad inventada, dos vascos Gorakada; e Cristovo e o libro das marabillas de Sarabela Teatro.

O segundo ciclo de programación iniciarase en xaneiro cunha nova reposición da exitosa produción Noite de Reis. Ou o que queirades, á que dará paso un ciclo de novo circo, que traerá a Compostela distintas compañías de ámbito internacional. Tamén terá lugar unha nova edición do Festival Sinsal e xa no mes de xuño desenvolverase o terceiro ciclo de AcciónST así como a posta en escena de Ovay, a cargo da compañía Quique Peón en coprodución co Centro Coreográfico Galego. Completan este pequeno avance da carteleira a recuperación para o público da montaxe A piragua, escrita e dirixida para o CDG en 2007 por Cándido Pazó e posta en escena agora pola compañía Abrapalabra.

Coa reanudación da actividade no Salón Teatro, ábrese tamén a temporada de abono. Durante o primeiro ciclo da programación, estará a disposición do público o Bono de Outono, válido para adquirir catro localidades para asistir a outras tantas funcións (a produción do CDG A boa persoa de Sezuán, máis outros tres espectáculos a escoller) por un prezo total de 20 euros. O bono implica un aforro do 50% sobre o prezo xeral e pódese adquirir na billeteira do Salón Teatro. Igualmente, en decembro poranse á venda bonos para a Mostra de Teatro Infantil de Nadal e para o seguinte ciclo Inverno-Primavera.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal