AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

PISTACATRO COLABORA COA COMPAÑÍA INSTITUCIONAL NESTA ACCIÓN ESCÉNICA, QUE TERÁ LUGAR EN ÁREA CENTRAL O VINDEIRO SÁBADO DÍA 6 ÁS 18.30 E ÁS 19.30 HORAS

Unha función móbil promociona "A boa persoa de Sezuán", que continúa no Salón Teatro de Santiago

[04/12/2008] O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin de semana (venres 5 e sábado 6 ás 20.30 horas e domingo 7 ás 18.00) tres novas funcións da última produción do Centro Dramático Galego (CDG), A boa persoa de Sezuán, versión da obra de Bertolt Brecht dirixida polo portugués Nuno Cardoso. Coincidindo con estas representacións, a compañía pública organizou xunto con Pistacatro un espectáculo móbil promocional, do que ofrecerá dous pases ás 18.30 e ás 19.30 horas deste sábado no Centro Comercial Área Central.

A boa persoa de Sezuán

Duns vinte minutos de duración, esta acción escénica especial está realizada a partir de fragmentos da última proposta de Pistacatro, Ringorrango, e nela mestúranse novo circo, ritmo, música e humor para comunicar aos cidadáns que a escena é algo próximo, divertido e sorprendente. A representación móbil está pensada, así mesmo, como actividade complementaria ás funcións de A boa persoa de Sezuán, fábula amarga sobre a busca imposible da bondade nunha sociedade corrompida polos excesos capitalistas, que supón, así mesmo, a incorporación de Bertolt Brecht ao repertorio do CDG.

O director Nuno Cardoso, un dos nomes destacados da nova escena portuguesa, contou para esta montaxe cun equipo artístico galego-portugués do que forman parte 12 actores e actrices (Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Machi Salgado, Toni Salgado e Hugo Torres), así como Fernando Ribeiro (deseño do espazo escénico), José Álvaro Correia (iluminación), La Canalla (vestiario) e Víctor Hugo Pontes (axudante de dirección e movemento). Fran Pérez "Narf" foi o encargado do espazo sonoro, poñendo música ás cancións que interpreta o elenco, e Frank Meyer da tradución do texto ao galego.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal