AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A COMPAÑÍA DE NOVO CIRCO PISTACATRO DESENVOLVERÁ O VENRES 26 NO CENTRO PRAZA ELÍPTICA UNHA ACCIÓN PROMOCIONAL SOBRE ESTA PRODUCIÓN DENTRO DA REDE "ESPAZOS CDG"

O CDG retoma a xira de "A boa persoa de Sezuán" con dúas funcións no Centro Cultural Caixanova de Vigo

[22/12/2008] O Centro Dramático Galego retoma esta fin de semana en Vigo a xira galega da súa última montaxe, A boa persoa de Sezuán, versión en galego da obra de Bertolt Brecht que chega da man de Nuno Cardoso, un dos directores máis destacados da nova escena portuguesa. Tras permanecer no Salón Teatro de Santiago -sede da compañía pública- durante tres semanas, o espectáculo ten como destino o Centro Cultural Caixanova, onde ofrecerá dúas funcións: o sábado 27 e o domingo 28 ás 20.30 horas.

A boa persoa de Sezuán

Para a montaxe de A boa persoa de Sezuán, Cardoso contou cun equipo artístico galego-portugués do que forman parte 12 actores e actrices (Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Machi Salgado, Toni Salgado e Hugo Torres), así como Fernando Ribeiro (deseño do espazo escénico), José Álvaro Correia (iluminación), La Canalla (vestiario) e Víctor Hugo Pontes (axudante de dirección e movemento). Fran Pérez "Narf" foi o encargado de poñer música ás cancións que interpreta o elenco, e Frank Meyer da tradución do texto ao galego.

O teatro como divertimento

O director portugués optou por un proceso creativo similar ao que seguiu nos seus últimos espectáculos, asentados nunha coidada plasticidade e nunha esixente labor actoral que bota man de diferentes linguaxes interpretativas. O seu traballo cos actores comezou en Compostela a finais de agosto cunha primeira fase de análise dramatúrxica durante a que se abordou a obra de Brecht dende a interacción e as improvisacións. Elaborouse así unha linguaxe común a todo o equipo artístico a partir da que se comezou a construír un espectáculo co que Cardoso quixo recuperar o concepto de teatro como divertimento que reivindicara Brecht nun dos seus textos.

Bertolt Brecht escribiu A boa persoa de Sezuán no seu exilio estadounidense durante a II Guerra Mundial. Esta fábula amarga sobre a busca da bondade nunha sociedade corrompida polos excesos capitalistas supón, así mesmo, a incorporación do dramaturgo alemán ao repertorio da compañía pública. Escrita "obra a modo de parábola", como foi definida polo propio autor, conxuga algúns dos trazos máis característicos do teatro brechtiano para cuestionar a posibilidade de vivir xustamente nunha sociedade inxusta, nun mundo de paradoxos e extremos no que hai ricos fronte a pobres, patróns fronte traballadores.

A versión do CDG sitúa o espectador nun ambiente urbano totalmente degradado, dominado polo asfalto e as omnipresentes luces de neón. A obra comeza coa baixada a Sezuán de tres deuses -aquí encarnados por personaxes ben recoñecibles da cultura popular contemporánea- coa esperanza de atopar persoas que sigan os seus ditados, isto é, persoas boas e xustas capaces de transformar a sociedade. A primeira que descobren é a única que os acolle, Xen Te, unha prostituta á que premian financiándolle outro medio de vida: un pequeno estanco. Pero os habitantes de Sezuán non tardarán en tirar proveito das boas intencións da moza, polo que esta, abafada polo acoso, decide facerse pasar polo seu curmán imaxinario, Xui Ta, que, con enorme frialdade, expulsa a todos os que queren vivir a conta do seu sacrificio.

Acción escénica promocional

As localidades para as funcións do venres e sábado poranse á venda no despacho de billetes do Centro Cultural Caixanova os días de función de 11 a 14 e de 18 a media hora despois do comezo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 504 500 ou na web www.caixanova.es. O prezo das localidades é de 5,40 e 8 (1º anfiteatro); 3,60 e 4 (2º anfiteatro); 2,70 e 3 (3º anfiteatro); 7,20 e 8 (butaca).

Ademais, e co obxectivo de promocionar esta produción no marco de "Espazos CDG", programa do que forma parte o Centro Cultural Caixanova, o CDG realizou conxuntamente con Pistacatro unha pequena función móbil, da que ofrecerá dous pases o venres 26 no centro comercial Praza Elíptica, ás 18.00 e ás 19.00 horas. Trátase dunha acción escénica duns vinte minutos de duración, realizada a partir de fragmentos da obra Ringorrango, na que se mestura novo circo, ritmo, música e humor para comunicar que a escena é algo próximo, divertido e sorprendente.

Tralas funcións en Vigo, a compañía pública presentará A boa persoa de Sezuán en Pontevedra (Pazo da Cultura, 16 e 17 de xaneiro), Ourense (Teatro Principal, 21-24 de xaneiro), Ferrol (Teatro Jofre, 29 e 30 de xaneiro), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 5 e 6 de febreiro e O Barco (Teatro Lauro Olmo, 12 e 13 de febreiro).


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal