AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O CICLO DESENVÓLVESE DO 26 AO 30 DE DECEMBRO CON 5 MONTAXES DE DISTINTOS FORMATOS E TÉCNICAS, DESDE MONICREQUES E TEATRO DE ACTOR ATÉ NÚMEROS DE NOVO CIRCO

O Salón Teatro de Santiago pecha o ano coa Mostra de Teatro Infantil no Nadal

[23/12/2008] O Salón Teatro de Santiago despide a súa programación de 2008 coa xa tradicional Mostra de Teatro Infantil no Nadal, unha iniciativa que vén celebrándose desde o ano 2000 sempre nas mesmas datas, do 26 ao 30 de decembro. Organizado polo Centro Dramático Galego (CDG), o festival inclúe cinco espectáculos que amosan a variedade de estilos, técnicas e formatos dos que se sirve o teatro especialmente destinado aos nenos e nenas.

Galitoon Productions

A Mostra comeza este venres día 26, ás 19.00 horas, da man da compañía galega Galitoon Productions, que escenificará a peza Babiliglub. Seguirán nas próximas xornadas as representacións da compañía portuguesa Teatro do Frío coa montaxe Diz que diz (día 27) e Pistacatro con Ringorrango (día 28). A continuación actuará o grupo vasco Teatro Gorakada con La ciudad inventada (día 29) e os galegos Sarabela Teatro pecharán este ciclo coa montaxe Cristovo e o libro das marabillas (día 30).

Todas as funcións celébranse ás 19.00 horas. As localidades poden adquirirse dende dúas horas antes do comezo dos espectáculos no despacho de billetes do Salón Teatro a un prezo de 6 € por entrada. Tamén existe un bono de seis entradas cun prezo de 30 €.

Propostas para todas as idades

A compañía galega Galitoon Productions abrirá o ciclo con Babiliglub, unha montaxe para nenos e nenas menores de 3 anos de idade con dramaturxia e dirección de Andrea Bayer. Nesta proposta, a tranquilidade, a calma e a normalidade do fondo do mar veranse interrompidas por un pequeno peixe que, en compañía dunha pequena estrela, vivirá divertidas e destemidas aventuras tentando ser aceptado polo resto da fauna mariña. A musicalidade, o ritmo e a plasticidade están presentes en todo o espectáculo e atraparán desde o principio a cativos e maiores.

O sábado 27, a compañía portuguesa Teatro do Frío presentará Diz que diz, un espectáculo inspirado nos versos miúdos do libro Como Quem Diz de António Torrado, que fala do universo fantástico dos poemas utilizando a linguaxe corporal e visual e a manipulación de obxectos. Tres actores proporcionan corpo, voz, melodía e son ás historias e poesías que compoñen esta montaxe pensada para nenos e nenas a partir de 6 anos.

O novo circo, a música e o humor tamén estarán presentes neste ciclo coa posta en escena o domingo 28 do espectáculo Ringorrango, a cargo da compañía galega Pistacatro Produtora de Soños. Tres cómicos -que fan as veces de músicos, malabaristas, acróbatas e bailaríns- mesturan todos os seus coñecementos, sempre a ritmo dunha música pegadiza e popular. Os seus artífices prometen que a combinación de todos estes ingredientes fará que os espectadores non paren nunca de rir. Xabier García Mera, Aitor Garuz Milla e Pablo Reboleiro Trasno integran o elenco desta montaxe, pensada para público familiar.

A compañía vasca Gorakada chegará o luns 29 ao Salón Teatro con La ciudad inventada, un espectáculo de monicreques recomendado para maiores de 6 anos onde se presentan varios contos tradicionais de distintas procedencias. Con dramaturxia e dirección de Jokin Oregui, o protagonista da historia é un neno senegalés que coñece a unha nena brasileira que non pode durmir porque o seu pai a abandonou. Os dous nenos, que viven as súas aventuras en contos distintos, comparten as súas dúbidas e os seus medos descubrindo que non é tanto o que os separa.

Sarabela Teatro será a compañía encargada de pechar a Mostra de Teatro Infantil de Nadal 2008 o martes 30 coa peza Cristovo e o libro das marabillas, dirixida tamén a nenos e nenas a partir de 6 anos. Fina Calleja escribiu e dirixiu esta peza, que tamé interpreta xunto a Tito Asorey, Fernando Dacosta, Sabela Gago e Elena Seijo. A obra amosa a un Colón neno ao cal o mundo quédalle pequeno e aborrece a escola. Cristovo quere viaxar e cre que a coraxe e a forza son a súa mellor carta de presentación. Sofía e O libro das marabillas descubriranlle que a máis grande aventura está no coñecemento.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal