AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ANABELL GAGO INCORPÓRASE AO ELENCO INTERPRETATIVO DESTA VERSIÓN DA OBRA DE WILLIAM SHAKESPEARE ASINADA E DIRIXIDA POR QUICO CADAVAL

O CDG inaugura 2009 coa reposición da súa "Noite de Reis" no Salón Teatro

[05/01/2009] O Centro Dramático Galego (CDG) repón a partir do vindeiro xoves día 8 no Salón Teatro a súa produción Noite de Reis. Ou o que queirades, coa que ten acadado un éxito de público con escasos precedentes na escena galega. As funcións desta versión da obra de William Shakespeare asinada e dirixida por Quico Cadaval desenvolveranse até o 31 de xaneiro neste escenario compostelán, onde o espectáculo xa foi representado colgando o cartel de non hai billetes en repetidas ocasións.

noite de reis

Noite de Reis. Ou o que queirades ofrecerá un total de 18 novas funcións durante as súas catro semanas de exhibición en Santiago. Os pases para todos os públicos celebraranse os venres e sábados ás 20.30 horas e os domingos ás 18.00 horas, mentres que os mércores e xoves -agás o día 8 - desenvolveranse as funcións para institutos, para as que xa está cuberto todo o aforo.

O equipo artístico e técnico que participara na primeira montaxe do espectáculo volveu reunirse para preparar este regreso aos escenarios coa única excepción de Rebeca Montero, quen debido á súa participación en A boa persoa de Sezuán, a última produción do CDG, será substituída por Anabell Gago no papel de Violeta. Gago xúntase así á compañía que integran María Bouzas, Xosé Manuel Olveira "Pico", Marcos Orsi, Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrin e os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio para escenificar unha vez máis esta divertida comedia de ambientación mediterránea que combina o xogo de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos con apaixonantes historias de amor e desamor.

Prestaron ademais a súa colaboración artística nesta montaxe Baltasar Patiño (espazo escénico e iluminación), Gilda Bonpresa (figurinos), Bernardo Martínez (espazo sonoro e dirección musical) e Dolores Centeno (maquillaxe).

Noite de Reis foi unha das primeiras obras de Shakespeare, que se presume foi escrita entre 1599 e finais de 1601. Representouse ao comezo da Restauración mais non se imprimiu ata a súa inclusión no First Folio en 1623.

Comedia sobre as tolemias do amor

Trátase dunha comedia mediterránea sobre o amor e as tolemias e baballadas que este nos leva a facer. A acción comeza cando Sebastián e Violeta, irmáns xemelgos, naufragan ante a costa de Iliria. Violeta consegue chegar case sen vida á praia coa axuda de Festas, bufón da corte do duque Orsino. Ela cre que Sebastián morreu. Vestida de home e facéndose pasar por un paxe novo co nome de Cesario, pasa a servir na corte do duque Orsino que está "poética, apaixonada e desesperadamente namorado" da aflixida Lady Olivia, que o rexeita continuamente. Orsino utiliza a Cesario como confidente e como mensaxeiro para declararlle o seu amor a Olivia pero Cesario -Violeta, en realidade- comeza a namorarse de Orsino mentres que Olivia, pola súa parte, se namora do mensaxeiro, que é Cesario.

Namentres, Malvolio, servidor de Olivia, perseguirá o amor da súa ama e, a causa dunha confusión amañada, crerase correspondido, producíndose unha serie de situacións hilarantes que o levaran case a entolecer. Ao mesmo tempo, Antonio, capitán de barco, consegue rescatar do mar a Sebastián. Ambos desembarcan en Iliria. A presenza de Sebastián na cidade será o comezo do fin do enredo. Os malentendidos e cruzamentos de parellas avivados por Festas, enganando a André (burgués que tamén pretende a Olivia) e burlando a Malvolio resolveranse finalmente.

As entradas para estas novas funcións no Salón Teatro poranse á venda no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 € para os venres e os sábados, cun desconto do 40% para estudantes, usuarios de carné xoven e maiores de 65 anos, e de 5 € para o domingo, día do espectador.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal