AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A MONTAXE DESTA OBRA DE BRECHT, QUE NUNO CARDOSO DIRIXIU PARA O CDG, REPRESENTARASE OS DÍAS 21 E 22 PARA ESTUDANTES E 23 E 24 PARA PÚBLICO XERAL

O Teatro Principal de Ourense acolle catro funcións do espectáculo "A boa persoa de Sezuán"

[19/01/2009] O Teatro Principal de Ourense acolle esta semana o último espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), A boa persoa de Sezuán, versión en galego da obra de Bertolt Brecht que chega da man de Nuno Cardoso, un dos directores máis destacados da nova escena portuguesa. Esta fábula amarga sobre a busca da bondade nunha sociedade corrompida polos excesos capitalistas supón, así mesmo, a incorporación do dramaturgo alemán ao repertorio da compañía pública. En Ourense, o CDG ofrecerá catro funcións desta primeira produción da súa temporada 2008-2009: dúas para estudantes (mércores 21 e xoves 22, ás 10.30 horas), e outras dúas para o público xeral (venres 23 e sábado 24, ás 20.30 horas).

A boa persoa de Sezuán

Para a montaxe de A boa persoa de Sezuán, Nuno Cardoso contou cun equipo artístico galego-portugués do que forman parte 12 actores e actrices (Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Machi Salgado, Toni Salgado e Hugo Torres), así como Fernando Ribeiro (deseño do espazo escénico), José Álvaro Correia (iluminación), La Canalla (vestiario) e Víctor Hugo Pontes (axudante de dirección e movemento). Fran Pérez "Narf" foi o encargado do espazo sonoro, poñendo música ás cancións que interpreta o elenco, e Frank Meyer da tradución do texto ao galego.

Divertimento

O director portugués optou por un proceso creativo similar ao que seguiu nos seus últimos espectáculos, asentados nunha coidada plasticidade e nunha esixente labor actoral que bota man de diferentes linguaxes interpretativas. O seu traballo cos actores comezou en Compostela a finais de agosto cunha primeira fase durante a que se abordou a obra de Brecht dende a interacción e as improvisacións do elenco. Elaborouse así unha linguaxe común a todo o equipo artístico a partir da que se comezou a construír o espectáculo que agora se atopa en xira por toda Galicia e a través do que Cardoso quixo recuperar o concepto de teatro como divertimento que reivindicou o dramaturgo alemán nun dos seus textos.

Bertolt Brecht escribiu A boa persoa de Sezuán no seu exilio estadounidense durante a II Guerra Mundial. Esta "obra a modo de parábola", como foi definida polo propio autor, conxuga algúns dos trazos máis característicos do teatro brechtiano para cuestionar a posibilidade de vivir xustamente nunha sociedade inxusta, nun mundo de paradoxos e extremos no que hai ricos fronte a pobres, patróns fronte traballadores.

A versión do Centro Dramático Galego sitúa o espectador nun ambiente urbano totalmente degradado, dominado polo asfalto e os omnipresentes carteis luminosos. A obra comeza coa baixada a Sezuán de tres deuses -aquí encarnados por personaxes ben recoñecibles da cultura popular contemporánea- coa esperanza de atopar persoas que sigan os seus ditados, isto é, persoas boas e xustas capaces de transformar a sociedade. A primeira que descobren é a única que os acolle, Xen Te, unha prostituta á que premian financiándolle outro medio de vida: un pequeno estanco. Pero os habitantes de Sezuán non tardarán en tirar proveito das boas intencións da moza, polo que esta, abafada polo acoso, decide facerse pasar polo seu curmán imaxinario, Xui Ta, que, con enorme frialdade, expulsa a todos os que queren vivir a conta do seu sacrificio.

Espectáculo promocional

As localidades para as funcións do venres 23 e do sábado 24 poranse á venda ao prezo de 12 € (butaca e platea), 9 € (1º andar), 8 € (2º andar) e 6 € (paraíso e VR) na billeteira do Teatro Principal os días das funcións de 11.00 a 13.30 e unha hora antes do comezo da representación. Tamén poden adquirirse de forma anticipada no teléfono 902 434 443 ou na web www.caixagalicia.es.

Ademais, e co obxectivo de promocionar esta produción no marco de "Espazos CDG", programa do que forma parte o teatro ourensano, o CDG realizou conxuntamente coa compañía galega Pistacatro unha pequena función móbil, que se desenvolverá o venres 23 pola tarde no Centro Comercial Ponte Vella. Trátase dunha acción duns 20 minutos de duración, na que se mestura novo circo, ritmo, música e humor para comunicar que a escena é algo próximo, divertido e sorprendente.

Tralas funcións en Ourense, a compañía continuará coa xira galega de A boa persoa de Sezuán en Ferrol (Teatro Jofre, 29 e 30 de xaneiro), Vilagarcía (Auditorio Municipal, 5 e 6 de febreiro) e O Barco (Teatro Lauro Olmo, 12 e 13 de febreiro).


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal