AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A MONTAXE, REALIZADA POR UN EQUIPO GALEGO-PORTUGUÉS DO QUE FORMAN PARTE DOCE ACTORES E ACTRICES, REPRESÉNTASE O XOVES 29, ÁS 10.30 H, PARA ESTUDANTES E O VENRES 30, ÁS 20.30 H, PARA PÚBLICO XERAL

O CDG representa "A boa persoa de Sezuán" no Teatro Jofre de Ferrol

[27/01/2009] O Teatro Jofre de Ferrol acolle esta semana o último espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), A boa persoa de Sezuán, versión en galego da obra de Bertolt Brecht que chega da man de Nuno Cardoso, un dos directores máis destacados da nova escena portuguesa. Esta fábula amarga sobre a busca da bondade nunha sociedade corrompida polos excesos capitalistas supón, así mesmo, a incorporación do dramaturgo alemán ao repertorio da compañía pública. En Ferrol, o CDG ofrecerá dúas funcións desta produción, a primeira da súa temporada 2008-2009: o xoves 29, ás 10.30 horas (concertada para estudantes), e o venres 30, ás 20.30 horas, para público xeral.

A boa persoa de Sezuán

Para a montaxe de A boa persoa de Sezuán, Nuno Cardoso contou cun equipo artístico galego-portugués do que forman parte 12 actores e actrices (Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Machi Salgado, Toni Salgado e Hugo Torres), así como Fernando Ribeiro (deseño do espazo escénico), José Álvaro Correia (iluminación), La Canalla (vestiario) e Víctor Hugo Pontes (axudante de dirección e movemento). Fran Pérez "Narf" foi o encargado do espazo sonoro, poñendo música ás cancións que interpreta o elenco, e Frank Meyer da tradución do texto ao galego.

O director portugués optou por un proceso creativo similar ao que seguiu nos seus últimos espectáculos, asentados nunha coidada plasticidade e nunha esixente labor actoral que bota man de diferentes linguaxes interpretativas. O seu traballo cos actores comezou en Compostela a finais de agosto cunha primeira fase durante a que se abordou a obra de Brecht dende a interacción e as improvisacións do elenco. Elaborouse así unha linguaxe común a todo o equipo artístico a partir da que se comezou a construír o espectáculo que agora se atopa en xira por toda Galicia e a través do que Cardoso quixo recuperar o concepto de teatro como divertimento que reivindicara o dramaturgo alemán nun dos seus textos.

Parábola brechtiana

Bertolt Brecht escribiu A boa persoa de Sezuán no seu exilio estadounidense durante a II Guerra Mundial. Esta "obra a modo de parábola", como foi definida polo propio autor, conxuga algúns dos trazos máis característicos do teatro brechtiano para cuestionar a posibilidade de vivir xustamente nunha sociedade inxusta, nun mundo de paradoxos e extremos no que hai ricos fronte a pobres, patróns fronte traballadores.

A versión do Centro Dramático Galego sitúa o espectador nun ambiente urbano totalmente degradado, dominado polo asfalto e os omnipresentes carteis luminosos. A obra comeza coa baixada a Sezuán de tres deuses -aquí encarnados por personaxes ben recoñecibles da cultura popular contemporánea- coa esperanza de atopar persoas que sigan os seus ditados, isto é, persoas boas e xustas capaces de transformar a sociedade. A primeira que descobren é a única que os acolle, Xen Te, unha prostituta á que premian financiándolle outro medio de vida: un pequeno estanco. Pero os habitantes de Sezuán non tardarán en tirar proveito das boas intencións da moza, polo que esta, abafada polo acoso, decide facerse pasar polo seu curmán imaxinario, Xui Ta, que, con enorme frialdade, expulsa a todos os que queren vivir a conta do seu sacrificio.

Espectáculo promocional

As localidades para a función do venres 30 poden adquirirse ao prezo de 9 € e 5 € na billeteira do Teatro Jofre o mesmo día da función de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 h, así como na páxina web www.ferrol.es/jofre. Ademais, e co obxectivo de promover esta produción no marco de "Espazos CDG", programa do que forma parte o concello de Ferrol, o Centro Dramático Galego realizou conxuntamente coa compañía galega Pistacatro unha pequena función móbil, da que ofrecerá dous pases o venres, ás 17.30 no Centro de Maiores de Caixa Galicia (Avda. de Vigo, 192-194 baixo) e ás 18.30 horas no Centro de Maiores Abrente (Avda de Esteiro 49-51). Trátase dunha acción escénica duns vinte minutos de duración, realizada a partir de fragmentos da obra Ringorrango, na que se mestura novo circo, ritmo, música e humor para comunicar aos estudantes que a escena é algo próximo, divertido e sorprendentes.

Tralas funcións en Ferrol, a compañía pública continuará coa xira galega de A boa persoa de Sezuán en Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 5 e 6 de febreiro) e O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 12 e 13 de febreiro).


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal